NOTICIA

----

Preséntanse no Culturgal os últimos produtos audiovisuais da institución

O Consello da Cultura Galega (CCG) acode á 16ª edición da Culturgal, que se desenvolve ata o domingo 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con dúas actividades para presentar os traballos audiovisuais producidos pola institución nos últimos meses ao redor de diferentes disciplinas artísticas contemporáneas. A presidenta, Rosario Álvarez, e mais os responsables da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, do Arquivo Sonoro de Galicia e da Comisión Técnica de Relacións Institucionais e Acción Exterior, Cristina Domínguez, Alejo Amoedo e Xavier Queipo, respectivamente, acompañados de diferentes profesionais que participan nestes proxectos, asistirán ás dúas presentacións, que terán lugar mañá domingo (12:00 e 17:00 horas).

Diversas empresas, profesionais e institucións reúnense anualmente na Culturgal, unha feira que busca favorecer a cooperación e o apoio entre as empresas culturais da nosa comunidade, así como poñer en contacto artistas, creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Este ano, no que se chega á 16ª edición, o Consello da Cultura Galega participa en dúas actividades que terán lugar o domingo: “A internacionalización da cultura galega” e “As artes escénicas: da memoria ao presente”, dúas presentacións en que se poderá ver unha selección dos traballos audiovisuais e manter un debate posterior cos protagonistas.

A internacionalización da cultura galega
A primeira das citas terá lugar ás 12 horas do domingo e a ela asistirá a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, acompañada do vogal da Comisión Executiva da institución e director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo, así como o músico Abe Rábade, o escritor Xavier Queipo e a escritora Fina Casalderrey. Presentarán as series audiovisuais Galicia: A literature to explore (producida en 2022) e Galician Trad music: crossing borders (producida en 2023) e conversarán arredor destes produtos bilingües que buscan promover a internacionalización da cultura galega contemporánea.

En 2022, ao fío da Feira do Libro de Frankfurt, na que España era país convidado, presentouse Galicia: A literature to explore / Galicia: unha literatura por descubrir, tres audiovisuais sobre os grandes temas de relevancia no panorama editorial contemporáneo da man de autores como Manuel Rivas, Olga Novo, Fina Casalderrey, Ledicia Costas, Xesús Fraga, Xosé Manoel Núñez Seixas e Suso de Toro. En 2023, ao fío do WOMEX, produciuse un formato similar pero para abordar a situación de música. Nacía Crossing borders. A música TRAD galega atravesando fronteiras, que se concretaba en tres pezas audiovisuais subtituladas en inglés que, da man de creadores como Mercedes Peón, Baiuca (Alejandro Guillán) e Uxía Senlle, entre outros, mais os expertos Óscar Losada e Marina Fernández, percorren a evolución, as especificidades e as claves do éxito da música de raíz.

As artes escénicas: da memoria ao presente
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, a presidenta do CCG e Cristina Domínguez, coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, amosarán outros dous produtos relacionados coas artes escénicas. Un deles é Memoria do teatro galego na transición, dirixido por Tito Asorey, quen será o encargado de mostrar un avance deste proxecto que está a piques de se presentar. O outro é O que pode a danza, para cuxa presentación se contará coa intervención de Gena Baamonde, da Compañía Vacaburra.

Memoria do teatro galego da transición é unha serie audiovisual arredor da recuperación da actividade teatral en Galicia nos anos setenta e oitenta do século XX. Pola súa parte, O que pode a danza é unha serie, coordinada por Natalia Balseiro, que amosa o poder transformador da danza a raíz da explicación de oito experiencias artísticas cun marcado corte social.