NOTICIA

----

Melide acolle unha xornada sobre a función das cercas na época medieval

Reflexionar sobre o papel que tiveron as cercas na conformación urbanística do medievo é o obxectivo da xornada “Nas vilas cercadas da Idade Media: protección, control e poder”. A cita, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Museo Terra de Melide, este luns, 4 de decembro (16:00 horas), no Centro Sociocultural Mingos de Pita (Melide). Na súa inauguración participará Rosario Álvarez, presidenta do CCG, xunto con Xosé Manuel Broz e Cristina Vázquez Neira, do Museo da Terra de Melide. A sesión non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do Consello da Cultura Galega.

As cercas constitúen un elemento delimitador dos espazos urbanos con respecto ao exterior, mais teñen tamén un compoñente coercitivo e de control da poboación. Representan, así mesmo, un símbolo de poder que, na Idade Media, se materializou a través dos castelos e as murallas.


Nesta xornada, analizarase a función que desempeñaron os valados na época medieval. Ademais, profundarase en como a construción deste tipo de peches deriva dun proceso anterior localizado na base do feudalismo na Península Ibérica: o encastelamento. Contarase, para iso, con persoas expertas en diferentes áreas disciplinarias das humanidades, que realizarán un percorrido desde os primeiros castelos xa petrificados en Galicia ata diferentes vilas para as que as cercas constitúen parte da súa identidade e da súa conformación no pasado medieval.

O programa
Abrirá a cita Victoriano Nodar, da Universidade de Vigo, co relatorio “Os primeiros castelos de Galicia como elementos de control do territorio e símbolos do poder feudal”. A continuación, Xosé Manuel Broz falará sobre a cerca da vila melidense, mentres que Fran Alonso Toucido (Tempos Arqueólogos e Universidade de Santiago de Compostela) e Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, farán o propio coa da vila da Guarda, en Pontevedra. Após as súas intervencións, o historiador e vicepresidente da Fundación Vicente Risco, Antonio Blanco, expoñerá o caso do castelo de Allariz. Pechará a xornada a arqueóloga Matilde González Méndez cunha conferencia que leva por título “Comunicar un patrimonio derruído. Investigación e valorización da muralla de Santiago”.