A última intervención de José María Arias no Consello da Cultura Galega tivo lugar en 2020 onde participou, xunto con David Chipperfield, presidente fundador da Fundación Ría; José L. Pérez Pont, xerente do Consorci de Museus da Comunitat Valenciana e Irene Aláez, asesora de Arte Cidadá da Fundación Carasso. Arias Mosquera falou do compromiso das fundacións na sociedade. Fixo un repaso pola xénese da Fundación Barrié e trazou o perfil de traballo da institución. “Nestes 54 anos de existencia dedicámonos a proxectos 500 millóns de euros e fomos evolucionando a medida que foi evolucionando a sociedade” apuntou no marco da xornada “A cultura do mecenado”. Comezou a súa intervención destacando a importancia do proxecto de restauración do Pórtico da Gloria, a máis coñecida e premiada intervención desenvolta na Catedral de Santiago. Para o seu entender un dos proxectos máis importantes da Fundación Barrié foi o iniciado nos anos setenta que consistiu na catalogación arqueolóxica e artística de Galicia. Un traballo que levou máis dunha década en completar e que cualificou como “unha peza de indubidable valor que permitiu ter unha visión completa de cal era o noso patrimonio”.
Jose María Arias
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e PADE do Instituto de Estudos Superiores da Empresa (IESE). Era patrón electivo da Fundación Barrié desde 1982 e presidente executivo desde 2009. Foi presidente de APD Noroeste desde marzo de 2015. Convencido do papel fundamental da educación no progreso da sociedade, participou activamente en diversas asociacións e entidades destacada na consecución de cidadáns coñecedores da súa contorna para a súa posterior intervención. Formaba parte do Consello de patróns da Asociación Española de Fundacións; patrón de honra da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e do Museo de Pontevedra así como vogal das Escolas Populares Gratuítas.
Foi presidente do Banco Pastor entre 2001 e 2017; vicepresidente do Banco Popular entre 2012 e 2017 e presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela entre 2014 e 2018.
Foi un referente en intervención cultural e amosou unha implicación directa en obras de mellora destacada como a restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, da modernización dos plans de bolsas e o apoio para eliminar a fenda dixital na investigación no noso país.


