----

A proxección exterior da cultura galega será unha das prioridades do CCG en 2024

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou hoxe o primeiro pleno da institución, no que se deron conta das liñas de programación da institución para o ano 2024 e se definiu o calendario de renovacións da institución para este ano. O reforzo da proxección exterior e da internacionalización da cultura galega será unha das liñas forza clave, xunto coa atención aos profundos cambios na creación e recepción cultural polo impacto das tecnoloxías dixitais. Ao pleno asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, en calidade de presidente de honra do CCG.
A proxección exterior da cultura galega será unha das prioridades do CCG en 2024

A institución desenvolverá ao longo de 2024 unha serie de liñas de programación que combinan a atención ás tendencias e cuestións actuais do sector cultural galego e internacional coa continuidade de proxectos e estratexias a medio e longo prazo. Deste xeito, o CCG constituirá neste ano 2024 tres comisións técnicas sobre contaminación lumínica, identidades e disidencias sexuais e sobre dereito civil galego. E abordará diferentes liñas de programación que se plasmarán en diferentes accións. A reflexión sobre o modelo de explotación do territorio e a relación co patrimonio cultural será desenvolvido na liña "Enerxías renovables, sostibilidade e patrimonio cultural", da cal un dos produtos concretos será a elaboración dun informe sobre cultura, patrimonio e turismo.

O desenvolvemento acelerado da intelixencia artificial e as transformacións e oportunidades do sector cultural derivados da evolución da dixitalización estudaranse na liña "Novos formatos e novos mercados da cultura. Tamén se dará continuidade a liñas de traballo de anos anteriores, como a "Memoria da transición", que combina a recuperación e dixitalización de coleccións documentais que dan conta do paso da ditadura á democracia e á autonomía ata a reflexión ao redor dese proceso de cambio. O CCG tamén estimará prioritaria na programación de 2023 a liña "Unha cultura con identidade sen fronteiras", que reunirá boa parte das accións de proxección exterior e internacionalización da cultura galega, o contacto coas comunidades da diáspora ou o desenvolvemento de ligazóns con outras culturas europeas.

O Consello da Cultura Galega continuará a desenvolver as diferentes liñas de traballo que son habituais na entidade, como a elaboración de informes de avaliación da situación da cultura galega, como o Barómetro da Cultura galega e as Coxunturas realizadas polo Observatorio da Cultura Galega. Estes informes compleméntanse cos preceptivos para os Bens de Interese Cultural (BIC) e outros que deben ser elaborados pola entidade. Tamén continuará dixitalizando e difundindo en liña materiais de diferentes ámbitos e soportes de cara a investigación, a difusión e a visibilización da cultura galega, así como desenvolvendo iniciativas para difundir a cultura galega contemporánea.