A arte contemporánea atopou na creación colectiva novos mecanismos para enxertar os proxectos culturais no territorio e para desenvolver propostas artísticas dende a escoita e a participación cidadá. Busca, deste xeito, impactar nas persoas e no seu benestar social, propiciar o desenvolvemento socioeconómico do espazo en que se actúa e contribuír tanto á recuperación da memoria como á actualización do patrimonio. Este tipo de iniciativas artísticas colaborativas axudan, así mesmo, a diminuír a fenda dixital e de xénero, ao tempo que trazan pontes coa defensa dos dereitos humanos, a sostibilidade e a igualdade.
Co fin de profundar en como a arte participativa contribúe xa non só a crear vínculos entre a comunidade e a súa contorna, senón tamén a mudar física e socialmente o territorio, a xornada reúne artistas e profesionais da xestión cultural que están a desenvolver proxectos neste sentido.
O programa
A sesión da mañá (10:30 horas) centrarase en dar a coñecer diversos proxectos artísticos que apostan pola colaboración coa comunidade e a promoción dunha cultura sostible e participativa. Abrirá a cita Clara Rodríguez Cordeiro, socia fundadora e directora de proxectos en 7H Cooperativa Cultural. A continuación intervirá Pablo Purón, integrante de Boa Mistura, un colectivo con raíces no graffiti que entende a arte como unha ferramenta para transformar o territorio e crear nexos entre os individuos. A directora artística, bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo será a seguinte en participar. Farao cun relatorio en que achegará a súa experiencia como socia fundadora do espazo A Casa Vella, cuxo fin é poñer en valor o rural dende novos modelos que asocian cultura, natureza, benestar social e desenvolvemento profesional. Pechará a sesión de relatorios Lucía Loren, artista multidisciplinaria, especializada en arte e natureza, e impulsora de procesos colaborativos e educativos coa cidadanía. A cita matinal concluirá cun coloquio moderado por Paula Cabaleiro no que participarán os catro relatores e relatoras.
A xornada continuará pola tarde (16:30 horas) cunha sesión dedicada a analizar o papel de institucións e entidades culturais que promoven a sostibilidade e a participación cidadá c0mo vía para formular novas formas de habitar o territorio. Intervirán Fran Quiroga, investigador, mediador e coordinador xeral da entidade sen ánimo de lucro Concomitentes; Carme Nogueira, artista multidisciplinaria especialista en proxectos que traballan de forma colaborativa co contexto, e mais Blanca de la Torre, comisaria, historiadora da arte, investigadora e asesora de diferentes institucións culturais. A sesión de relatorios concluirá con Esther San Vicente, directora de Al Fresco - Museos Efímeros, un proxecto que desenvolve accións e propostas artísticas que buscan poñen en valor as «periferias» e propiciar, deste xeito, a recuperación da memoria colectiva e o fortalecemento dos vínculos entre a comunidade e a súa contorna. Após a súa intervención haberá un coloquio coas catro persoas relatoras moderado novamente por Paula Cabaleiro.
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. Coordinada por Manuel Quintana Martelo, ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez. Entre as actividades que organiza a Sección cómpre mencionar Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX.



