NOTICIA

----

Unha nova publicación analiza a obra "oceánica" de Martín Sarmiento desde múltiples ópticas

"A figura do padre Sarmiento está presente nas actividades do Consello da Cultura Galega desde os inicios da institución", explicou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, durante a presentación hoxe do volume dixital Erudición e ilustración. Estudos sobre Martín Sarmiento. Trátase das actas do Simposio Martín Sarmiento. De historia natural e todo xénero de erudición, e incorporan o traballo de doce expertos que abordaron a obra do intelectual galego desde diferentes ámbitos científicos. No acto de presentación participaron Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Henrique Monteagudo, editor da publicación.
Unha nova publicación analiza a obra

Martín Sarmiento (1695-1772) foi autor dunha das obras intelectuais máis destacadas da España do século XVIII pero boa parte do seu traballo ficou inédito e sen ir ao prelo durante moitos anos. Xunto coas diferentes iniciativas de dixitalización e difusión levadas a cabo polo CCG desde a conmemoración do tricentenario do seu nacemento en 1995, sucedéronse biografías sobre o autor e algúns estudos sobre a súa obra pero "había vinte anos que non se abordaba un estudo crítico colectivo da súa obra", destacou Henrique Monteagudo, editor da publicación. A publicación está xa dispoñible para descarga no web do Consello da Cultura Galega e posteriormente se distribuirá tamén unha versión impresa.

Ese estudo colectivo foi levado a cabo por especialistas que abordaron a obra sarmientina desde diferentes aspectos. Deste xeito, o propio Monteagudo, profesor da Universidade de Santiago, abordou a obra máis estensa do frade beneditino, a Obra de 660 pliegos, Joaquín Álvarez Barrientos detívose na figura do padre Sarmiento no panorama intelectual do século XVIII, Ernesto Zaragoza estudou a toma de hábitos de Sarmiento en Madrid e Xosé Antonio López Silva detívose no Sarmiento anticuario. Gonzalo Navaza estudou as achegas de Sarmiento sobre a toponimia galega e Pegerto Saavedra detívose na conflitividade ao redor da terra e a súa propiedade. Xoán Carmona estudou a visión do comercio e da industria e María Álvarez Lires estudou a Sarmiento como introdutor das teorías de Isaac Newton en España. Francisco Díaz-Fierros detívose na presenza do reino mineral e Jesús Izco na tradución dos nomes vulgares das prantas á nomenclatura de Linneo. Fran Saborido estudou o mar e a pesca na obra do frade e Concepción Varela a recepción da súa obra ao longo da Europa do XVIII e XIX.

A obra é parte das iniciativas de dixitalización, posta en valor e difusión da obra de Martín Sarmiento que se agrupan dentro do Proxecto Sarmiento, o programa do CCG para a recuperación desta figura. No volume defínese a obra de Sarmiento como "oceánica", en relación aos numerosos textos e saberes reunidos polo frade.