A transición política representou unha etapa de efervescencia a moitos niveis, nos que as demandas que foran omitidas durante os anos de ditadura comezaron a atopar o seu acomodo nun escenario sociopolítico e cultural complexo. No ámbito cinematográfico, este período ofreceu un corpus de celuloide militante e reivindicativo baseado, esencialmente, nunha opción de reafirmación. A xornada Cinema galego e Transición reúne diferentes persoas expertas para analizar a etapa da Transición e o impacto que esta tivo no nacemento oficial dun cine galego comprometido e con conciencia de si.
O programa
A cita estrutúrase arredor de tres mesas de debate. A primeira delas (11:00 horas), que leva por título “Cinema afeccionado e militante da Transición”, estará moderada por Ana Domínguez e contará coas intervencións de Xosé Xoán Cabanas Cao, Antón Caeiro e Xan Gómez Viñas. Na segunda (12:30 horas), Manuel Abad, Manolo González e Milagros Bará, baixo a moderación de Marcos Gallego, centraranse no paso do cinema afeccionado á profesionalización do audiovisual.
Xa pola tarde (16:30), Beli Martínez conducirá a mesa “Representación da Transición no cinema contemporáneo”. Nela participarán Eloy Enciso, José Manuel Sande e Coral Piñeiro.
Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
Esta xornada está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG. Coordinada por Cristina Domínguez Dapena, entre os seus membros figuran Eduardo Alonso Rodríguez, Natalia Balseiro, Montserrat Capelán, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez, Ramon Pinheiro Almuinha e José Manuel Sande García. Entre as actividades da Sección, cómpre destacar a produción dos proxectos audiovisuais Memoria do teatro galego na Transición e O que pode a danza.



