A primeira sesión de Vidas paralelas busca pór de relevo a propia fundación da Cátedra de Estudos Galegos (Facultade de Letras da Universidade de Lisboa - FLUL) e dar protagonismo ao campo académico filolóxico, ao que inicialmente se vencella esta cátedra, a través do seu fundador e primeiro director, o profesor e doutor Ivo Castro, catedrático da FLUL. A personalidade galega relevante que dialogará con Ivo Castro é o profesor e doutor Henrique Monteagudo, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ambos están unidos polo feito de que o 31 de marzo de 2023 se levou a cabo o acto académico de investidura de Ivo Castro como doutor honoris causa da USC, apadriñado por Henrique Monteagudo. O coloquio centrarase non só nas traxectorias académicas e vitais conxuntas de Ivo Castro e Henrique Monteagudo, senón que ademais artellará unhas «vidas paralelas» dentro doutras: a relación epistolar entre as históricas personalidades de José Leite de Vasconcelos (1858-1941) e Andrés Martínez Salazar (1846-1923).
O formato de Vidas paralelas
A Cátedra de Estudos Galegos (Facultade de Letras da Universidade de Lisboa), en colaboración co Consello da Cultura Galega, puxo en marcha esta iniciativa que se constrúe en dúas etapas. A primeira ten formato web e consiste na publicación de dúas entrevistas individuais que procurarán deliñar un itinerario biográfico que comporte certo autorretrato intelectual, con particular incidencia nos vencellos entre as dúas personalidades seleccionadas. A segunda etapa será presencial e desenvolverase na Universidade de Lisboa, na que se realizará un encontro-coloquio entre dúas personalidades, co fin de propiciar unha reflexión retrospectiva sobre os cruzamentos culturais entre o mundo galego e o portugués e as súas circunstancias históricas específicas, pero tamén a súa evolución no tempo ata a actualidade. Os coloquios realizaranse en diversos espazos de Lisboa vencellados á Cátedra de Estudos Galegos ou cedidos na cidade no ámbito da colaboración institucional con esta.
Tanto as entrevistas como os coloquios quedarán gravados e á disposición do público interesado nos espazos web do Consello da Cultura Galega e da Cátedra de Estudos Galegos, co ánimo de ir constituíndo un acervo valioso que se converta nun lugar de memoria sobre as relacións históricas e culturais entre Galicia e Portugal.
A seguinte sesión prevista de Vidas paralelas está programada para o mes de maio e abordará cuestións arqueolóxicas.


