----

A mostra Luces de alén mar inaugúrase este sábado en Devesos

O proxecto expositivo Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia, promovido polo Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, inaugúrase este sábado, 6 de abril (19:00 horas), en Devesos (Ortigueira). O acto terá lugar no local da Sociedad de Instrucción y Recreo La Devesana. Nel participarán José Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira; Emilio Castro, presidente da Sociedad de Instrucción y Recreo La Devesana; Marcelino Fernández, coordinador técnico do Arquivo da Emigración Galega do CCG, e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra, quen após a inauguración pronunciará a conferencia Luces de Porvir para Devesos. O refulxir escolar abafado pola intolerancia. A exposición permanecerá aberta para a súa visita ata o próximo 30 de abril.

As colectividades de emigrantes galegos e galegas que partiron cara a América durante os séculos XIX e XX promoveron dende alén mar unha serie de iniciativas para mellorar as condicións de vida nas súas parroquias e concellos natais. Fondamente comprometidas co acceso á educación e á cultura, financiaron e sostiveron a construción de escolas no rural co fin de fomentar a instrución de menores e maiores. Ese esforzo conxunto reflectiuse na posta en marcha de arredor de 250 centros educativos, distribuídos polas diferentes parroquias e concellos galegos, no que constituíu a experiencia de escolarización popular máis destacada da Galicia contemporánea. É o caso, por exemplo, da Devesana, escola laica creada en 1912 pola veciñanza de Devesos residentes na Habana. Cando se fan cen anos da súa clausura por orde do Goberno Civil, o local da Sociedad de Instrucción y Recreo La Devesana acolle esta mostra.


Comisariada por Vicente Peña Saavedra, a exposición estrutúrase en quince bloques temáticos que explican como era o contexto educativo da época e como as chamadas escolas de americanos contribuíron xa non só á mellora da situación do ensino en Galicia, senón tamén á súa modernización. Idearios pedagóxicos inspiradores, funcionais plans de estudo, materiais de ensino pouco frecuentes naquel entón ou unha metodoloxía didáctica na que se primaba a concepción aplicada da aprendizaxe foron algunhas das características das escolas financiadas pola colectividade galega do exterior. A vontade renovadora reflectiuse tamén nos edificios que se construíron, que constitúen, hoxe en día, unha importante mostra do patrimonio comunitario galego.

Ademais, o proxecto expositivo documenta os inicios do fluxo migratorio cara a América, así como o labor pioneiro daqueles indianos que enviaron remesas de diñeiro para mellorar a oferta educativa dos seus lugares de orixe. A xénese do movemento asociacionista forma tamén parte dos contidos da mostra, con diferentes paneis que afondan no nacemento das sociedades microterritoriais e na súa expansión pola outra beira do Atlántico, onde se chegaron a censar 546 sociedades galegas de instrución.


Inaugurada en 2012 para conmemorar a efeméride do centenario fundacional destas entidades, Luces de alén mar conta cun programa de itinerancias que a levou a percorrer diferentes cidades e concellos galegos e mesmo a expoñerse na vila portuguesa de Murça. Tras recalar neste 2024 na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela, chega á parroquia ortigueiresa de Devesos, onde permanecerá ata o día 30 de abril. O proxecto expositivo dispón dun catálogo revisado e ampliado, accesible no sitio web do CCG.


A exposición na actividade do CCG
Esta exposición insírese no marco dunha liña de acción do Consello da Cultura Galega que busca recuperar e divulgar o patrimonio cultural creado polas colectividades da emigración. Dende o ano 1992, momento en que se creou o Arquivo da Emigración Galega, desenvolveuse un labor continuado a prol da divulgación e visualización do que supuxo o feito migratorio para Galicia. Entre os proxectos que se executaron neste ámbito cómpre mencionar a organización de diferentes exposicións, como Galicia e América: cinco séculos de historia , Nós mesmos , Os adeuses, Galicia imaxinada nas revistas da emigración ou As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido .