Fernando Fraga Rodríguez
Álbum de Galicia
Nado en Santiago de Compostela, Fernando Fraga Rodríguez licenciouse en Maxisterio na Escola Normal da súa cidade natal en 1941 e, cinco anos despois, titulouse en Ciencias, concretamente na especialidade de Química. Defendeu a súa tese de doutoramento en 1949 e acadou unha praza de profesor asociado na universidade compostelá. Após obter un posto como colaborador científico no Laboratorio Costeiro do Instituto de Investigacións Pesqueiras (IIP) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en 1953, mudouse a Vigo. En 1959 ascendeu a investigador científico e en 1973 pasou a ser profesor de investigación da entidade.
“Dende a súa chegada ao IIP, Fernando Fraga aproveitou os seus coñecementos de química orgánica para estudar a composición dos peixes, do mexillón e dos refugallos do seu procesamento”, subliña Álvarez Salgado. “En paralelo, interesouse pola presenza de materia orgánica no mar”, continúa, para o que desenvolveu unha metodoloxía coa que deu “o salto á escena internacional”. Foi convidado pola National Science Foundation a participar nunha campaña do buque oceanográfico Anton Bruun (1964) e polo Institut Royal des Sciences Naturelles de Belgique a formar parte doutras dúas campañas nos océanos Índico (1965) e Antártico (1967).
Naqueles anos, por influencia de Ramón Margalef, produciuse “o seu tránsito de químico orgánico a oceanógrafo”, explica o autor da súa biografía, o que o levou xa non só a medir, senón tamén a pescudar “como se distribuía o nitróxeno orgánico disolto no mar”. A comezos da década de 1970, Fernando Fraga foi unha das pezas chave das campañas oceanográficas que se levaron a cabo para estudar o sistema de afloramento costeiro do noroeste de África e ás que a oceanografía española contribuíu coa análise do banco canario-sahariano ata a fronte de Cabo Verde. Esta foi a oportunidade de Fraga para “poñer en práctica as habilidades adquiridas como oceanógrafo”, así como para facer “importantes contribucións sobre a composición das masas de auga, a dinámica dos procesos de afloramento e o seu impacto na produción primaria”, subliña Álvarez Salgado. A mediados de 1970, o seu interese científico pasou a situarse no chamado “Mar de Galicia”. Xa nos anos oitenta, Fraga centrouse no estudo das rías galegas, particularmente na de Vigo. Introduciu “innovacións metodolóxicas relevantes na determinación do pH e a alcalinidade” para, posteriormente, incorporar “esas medidas aos estudos da composición química das augas mariñas”, apunta o autor da súa entrada. Así mesmo, buscou “entender como os organismos modifican a composición da auga e viceversa”, continúa.
As pescudas que Fernando Fraga realizou ao longo da súa traxectoria resultaron na produción de máis de 120 traballos de investigación, que se difundiron tanto en revistas científicas como en libros. Entre os capítulos que escribiu, destacan o publicado no volume Coastal Upwelling (1981) e mais o traballo “As Rías”, parte do libro As augas de Galicia que editou o CCG en 1996. No que atinxe ás revistas, as súas contribucións publicáronse sobre todo na cabeceira do CSIC Investigación Pesquera, renomeada en 1995 como Scientia Marina. Algúns destes artigos, xunto coa súa tese de doutoramento e o relatorio que desenvolveu en coautoría con Barton e Llinás para o Simposio Internacional sobre las Áreas de Afloramiento más Importantes del Oeste Africano (1985), forman parte dos materiais que se incorporan na súa entrada do Álbum de Galicia.
Fernando Fraga foi un investigador recoñecido internacionalmente. En 1987 ingresou como académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias. Ademais, recibiu varios galardóns, como a Medalla de Galicia en 1992 ou, en 1999, o Premio Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científica e o I Premio Iberoamericano de Ciencias Mariñas.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 715 entradas, das cales as máis recentes son as de Antonio Naveyra, María Cardarelly, María Xosé Rouco Lamela e Blanca Jiménez Alonso.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.


