A mediados do século XX produciuse un cambio na tendencia dos galegos e galegas que emprendían o rumbo da emigración co fin de procurar unha mellora das súas condicións vitais e laborais. Europa, que ata aquel momento rexistrara unha cifra moi inferior de emigrantes con respecto a América, comezou a adquirir unha importancia progresiva como destino da colectividade galega. Malia que nun primeiro momento o fixo de maneira complementaria ao reinicio da vaga migratoria a países como A Arxentina, O Brasil ou Venezuela, a partir de 1950 e durante as seguintes décadas os desprazamentos á Europa de posguerra chegaron a igualar e incluso superar os fluxos cara á América.
Suíza, Francia, Alemaña e Os Países Baixos foron algúns dos territorios de acollida de moitos galegos e galegas, así como O Reino Unido, destino final dos que embarcaran en Galicia a bordo do Montserrat. Sobre este buque e as historias de quen nel viaxou xira a mostra As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido, produción do Consello da Cultura Galega en colaboración coa Xunta de Galicia comisariada por Xesús Fraga.
Co gallo da súa exhibición na Casa das Artes de Vigo, organízase un ciclo de debates para analizar as dinámicas migratorias cara ao Reino Unido e a Europa continental dende unha perspectiva histórica e sociolóxica. As experiencias da colectividade galega emigrante, o seu legado e a proxección que tiveron estes fluxos na literatura galega serán, así mesmo, cuestións sobre as que debaterán as diferentes persoas convidadas a participar nesta actividade.
O programa
O ciclo estrutúrase en dúas mesas de debate. A primeira delas terá lugar o día 18 de abril (19:00 horas) e estará coordinada por Luís Domínguez Castro, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo. El será o encargado de abrir a sesión cun relatorio que leva por título “A educación sentimental da emigración galega a Europa”. A continuación, Francisco Durán Villa, profesor da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), analizará a singularidade dos fluxos migratorios cara ao Reino Unido, mentres que Sandra Fernández García, graduada en Historia pola USC, se centrará no caso das mulleres galegas migrantes no país británico. A mesa rematará co relatorio “Little Galicia (2014): dez anos despois”, a cargo de Xaime Varela Sieiro, profesor de Lingua e Literatura Galegas no IES Arcebispo Xelmírez II.
O día 9 de maio (19:00 horas) desenvolverase a segunda mesa redonda, que terá como eixe de reflexión a representación do fenómeno migratorio na cultura galega contemporánea. Dolores Vilavedra Fernández é a coordinadora desta segunda sesión, que se abrirá co seu relatorio “Unha ollada panorámica dende a literatura”. A mesa contará tamén coa participación de María Alonso Alonso, escritora e profesora na Facultade de Filoloxía da USC, quen analizará a emigración galega dende o século XXI; da xornalista e escritora María Xosé Porteiro García, cuxa intervención leva como título “A Galicia que construíu Europa coas mans”, e mais do escritor e biólogo Xavier Queipo, que falará sobre o que el denomina “(h)emigracións”.


