Johan de Cangas (O Morrazo, - ss. XIII-XIV), cuxo nome fai referencia á vila da península do Morrazo de onde seguramente era natural, foi un xograr e compositor que desenvolveu a súa actividade na contorna da ría de Vigo. A obra que del se conserva está composta por tres cantigas pertencentes á modalidade de santuario ou de romaría. Trátase de En San Momed’, u sabedes, Fui eu, madr’, a San Momed’u me cuidei e Amigo, se mi gran ben queredes, nas que o tema común é “a cita dos namorados no espazo da ermida de San Mamede”, explica Xosé Bieito Arias Freixedo. O santuario eríxese como “o lugar idóneo para o encontro amoroso dos mozos” e, polo tanto, “parece claro desde a primeira cantiga da serie que a finalidade relixiosa da ida ao santuario, de a haber, é totalmente secundaria”, continúa o autor da súa entrada.
Ao igual que no caso de Johan de Cangas, da vida de Martín Codax tampouco se coñecen datos certeiros, aínda que “a repetida alusión a Vigo nas súas composicións sitúao na área suroccidental de Galicia, onde probabelmente desenvolveu a súa actividade poética no terceiro cuartel do século XIII”, indica Xosé Bieito Arias. Deste trobador consérvanse sete composicións, enmarcadas dentro da modalidade das cantigas de amigo de tipo popularizante, nas que destaca a invocación ao mar e ás ondas “como interlocutoras e posíbeis portadoras de novas do amigo que está lonxe”, subliña o autor da súa biografía. Ademais, na terceira e na sexta destas composicións, Codax cultivou a modalidade das cantigas de santuario ou romaría. Ondas do mar de Vigo, Mandad’ei comigo, Mia irmana fremosa, treides comigo, Ai Deus, se sab’ora o meu amigo, Quantas sabedes amar amigo, Eno sagrado, en Vigo e mais Ai ondas que eu vin veer son as sete obras poéticas asinadas por Martín Codax, que foron transmitidas nos cancioneiros da Biblioteca Nacional de Portugal e da Biblioteca Vaticana, así como no Pergamiño Vindel, un manuscrito medieval que hoxe en día custodia a Pierpont Morgan Library de Nova York. As cantigas de Codax presentes nestes documentos pódense consultar nos materiais que se inclúen na súa entrada do Álbum de Galicia.
A ría de Vigo foi tamén o escenario no que Meendinho (Pontevedra, ss. XIII-XIV) desenvolveu a súa actividade artística. Malia que del só se conserva a composición Sedia-m’eu na ermida de San Simion, esta “é unha das máis divulgadas e coñecidas cantigas da poesía medieval galega”, afirma Xosé Bieito Arias. Ademais, “a cantiga de Meendinho está presente en todas as antoloxías da lírica galego-portuguesa e, xunto coas de Martin Codax, áchase entre as que recibiron maior atención da crítica especializada”, continúa. Enmarcada dentro da modalidade das cantigas de santuario, nela destaca o simbolismo das “ondas grandes do mar embravecido como representación do abalo interior sufrido pola muller apaixonada, que espera desexosa a chegada do amigo e toma consciencia súbita da súa soidade”, unha sensación que se reforza co uso “combinado de tempos verbais do pasado, do presente e do futuro”, explica o autor da súa biografía.
En 1998, Johan de Cangas, Martín Codax e Meendinho foron homenaxeados co Día das Letras Galegas.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 720 entradas, das cales as máis recentes son as de Jenaro de la Fuente Domínguez, Francisco Añón, Fernando Fraga Rodríguez e Antonio Naveyra.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.