O castelo de Ribadavia acolle este venres o encontro musical No bico un cantar

Máis de trescentos cincuenta nenos e nenas participan este venres na oitava edición de No bico un cantar. Unha cita que xunta música, literatura e mocidade nun encontro que arrinca pola mañá, coa chegada do alumando procedente dos conservatorios de música profesional de Galicia xunto coas escolas de música da zona, e remata co concerto (18:00 horas) no Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia. Maximino Zumalave dirixe esta actuación organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), as consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Ribadavia. A escritora Rosa Aneiros é a mantedora deste acto ao que asiste a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o Conselleiro de Cultura, José López Campos; e o alcalde de Ribadavia, César Fernández. No programa destaca a estrea absoluta de Vos nova, peza composta para a ocasión por Aaron Siebert sobre texto de Otero Pedrayo.

A oitava edición do encontro musical No bico un cantar recupérase tras a pandemia e retoma a temática programada naquel 2020 en que se conmemoraba o centenario do nacemento de Nós (o 30 de outubro de 1920 viu a luz na cidade de Ourense o “boletín mensual da cultura galega, órgao da sociedade galega de publicacións Nós”), para lembrar e homenaxear o legado extraordinario da revista e dos seus artífices. Por iso, esta edición cántalles aos escritores nados en terras ourensás e vencellados ao movemento: Ramón Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas e Vicente Risco.

A actividade arrincará pola mañá coa chegada dos nenos e nenas desde diferentes puntos de Galicia para os ensaios previos. Pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar o concerto no Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia. Maximino Zumalave volve poñerse á fronte deste concerto, que contará coa participación da agrupación de metais Hércules Brass, conformada por Alejandro Vázquez (trompeta), Víctor Manuel Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Iago Ríos (trombón) e Rodrigo Rodríguez (tuba), que se converte nesta ocasión nun sexteto coa participación de Pablo Fernández Guzmán (trompa convidado).

O programa
O concerto comezará coa Fanfarria Rhaptosodya nº 1, de P. Dukas e J. Viceiro, mais dúas pezas renacentistas de G. Farnaby e A. Holborne. Deseguido cantarase o poema Coita, no que Álvaro de las Casas lamenta a necesidade do mar e que foi musicado por Antón García Abril. Seguiralle Ao lonxe, con versos nos que Otero Pedrayo expresa a morriña da distancia e soña a Compostela prometida, e que conta coa música de Antonio Iglesias. Pechará este primeiro bloque a panxoliña de Nadal de Risco, á que o compositor recentemente finado Cristóbal Halffter lle puxo música. A peza musical Le Coucou de L.-C. Daquien abrirá a segunda parte do programa, na que terá lugar a estrea absoluta da peza Vos nova, que Aaron Siebert-Castiñeira compuxo por encarga do Consello da Cultura Galega para a ocasión sobre o poema de Ramón Otero Pedrayo “Canta nos hourizontes a vos nova”. O concerto rematará, como é habitual, co Maio longo de Rosalía de Castro, xa convertido en himno deste proxecto. Todos os arranxos musicais do programa son do recoñecido compositor Juan Durán.

No recital participarán alumnas e alumnos dos dez conservatorios profesionais de música (CMUS) dependentes da Consellería de Educación: CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS de Vigo, CMUS de Verín, CMUS de Xinzo de Limia e CMUS de Ribadavia, xunto con alumnado das escolas de música municipais de Ribadavia e de Barbadás e mais o coro infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia.

O proxecto
No bico un cantar é unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Nas súas sete primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), os trobadores medievais (Cangas, 2016), os poetas mindonienses (Mondoñedo, 2017), os alalás (Betanzos, 2018) e a tradición musical da raia (Tui, 2019).