----

Ferrol acolle a mostra As xeracións do Montserrat

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o presidente por delegación de Exponav, Ignacio Frutos inauguran este xoves en Ferrol (19:00 horas) unha nova itinerancia de As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido. A mostra, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, pretende recuperar a memoria daquelas persoas que tiveron que emigrar a Reino Unido na segunda metade do século XX e, a través dela, documentar non só ese tránsito entre países e culturas, senón o contexto social, económico e afectivo que rodeaba aos que buscaban unha vida mellor. O comisario é Xesús Fraga e conta co deseño Pepe Barro, que será o encargado de facer unha visita guiada trala inauguración.

As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido ten como obxectivo recuperar a memoria das persoas que emigraron ao país británico na segunda metade do século XX. Trátase dunha das correntes migratorias menos visibilizadas e tamén unha das menos numerosas en termos cuantitativos, aínda que entre 1960 e 1974 uns 250 000 galegos e galegas se trasladaron ao Reino Unido para intentar mudar o rumbo das súas vidas. O Monserrat, do que a exposición toma o seu nome, e o seu xemelgo Begoña foron dúas das embarcacións que realizaron esas travesías. A través dos testemuños de traballadores galegos da Compañía Trasatlántica Española, á que pertencían ambos os barcos, amósase a época daquelas viaxes, así como o contexto laboral e a vida familiar da colectividade emigrante.

Trátase dunha exposición de obxectos a través dos que recrean as vivencias dos seus protagonistas. O boneco que Lourdes e Manolo mercaron en Inglaterra cando naceu o seu fillo Esteban, a primeira libra que gañou Pilar, o xogo de té Royal Vale que Mary adquiriu en Marks & Spencer ou a vaixela Royal Albert que Elena mercou peza a peza semanalmente para o seu enxoval son algunhas das pezas que compoñen a mostra. Canda eles, expóñense moitos outros documentos, filmacións, fotografías e materiais pertencentes a un total de dezanove persoas, a maioría delas procedentes das zonas da Coruña, Betanzos, Ferrol e A Mariña Lucense, que permiten reconstruír a memoria emocional de varias xeracións de emigrantes que partiron de Galicia con destino ao Reino Unido.
A mostra, que foi inaugurada no Kiosco Alfonso da Coruña en novembro de 2023, chega continúa a súa itinernacia en Ferrol, logo de estar na Casa das Artes de Vigo.

A exposición na actividade do CCG
Este proxecto expositivo insírese no marco dunha liña de acción do Consello da Cultura Galega que busca recuperar e divulgar o patrimonio cultural creado polas colectividades da emigración. Dende a inauguración en 1992 de Galicia e América: cinco séculos de historia, o CCG continuou a traballar a prol da divulgación e visualización do que supuxo o feito migratorio para Galicia, un labor que se concretou noutros proxectos como Nós mesmos, Luces de alén mar, Os adeuses ou Galicia imaxinada nas revistas da emigración.