Felisa Segade púxolle voz a unha selección de músicas e fotografías do APOI recollidas pola musicóloga suíza coas que se abriu unha sesión de música e palabra. A continuación, celebrouse unha sesión titulada “Notas biográficas: Lembranza de Dora e do seu traballo en Galicia”, na que interviñeron Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego; e Diego Rodríguez, responsable de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié.
A obra de Schubarth e Santamarina foi o eixo de dúas mesas redondas sobre o Cancioneiro. Na primeira delas, moderada por Antón Santamarina, Sergio de la Ossa afondou na súa importancia musicolóxica e J.M. Pedrosa, que non puido asistir finalmente ao acto, fixo chegar un escrito ubicando o Cancioneiro Popular Galego no marco español e panhispánico. Na segunda das mesas interviñeron Concha Losada, para achegar “O traballo de Dora despois do cancioneiro: os arquivos das institucións”; e Rebeca Carrera e Luís Costa, que centraron a súa conversa na actualidade, difusión e emprego da recolla musical en distintas contornas. A xornada de mañá remtou cunha sesión vermú cunha selección de pezas sobre material recollido por Dorothé interpretadas polo dúo Caamaño e Ameixeiras.
A última das mesas, moderada por M. Xosé Fernández Cerviño, profundouse no traballo de Schubarth, que vai máis alá do Cancioneiro. Lucía Cedrón fixo comentario e lectura doutros libros da homenaxeada, Carme Campo incidiu na acción educativa e cultural no Museo do Pobo Galego e Alejandro Gándara no cinema sobre Dorothé e o seu traballo. A mesa rematou cunha intervención de Antonio Reigosa titulada “Dorothé Schubarth, mestra da memoria”.
Logo dun intermedio musical no que Cástor e Félix Castro interpretaron un tema musical en lembranza de Dorothé, a igrexa de Bonaval acolleu o concerto que puxo o ramo á homenaxe. O cuarteto Alicerces (Jorge Montes, Roberto Santamarina, María José Pámpano e Carlos García Amigo) xunto con Alberto Aneiros ao clarinete e Marcos Mato na percusión ofreceron un concerto en que se inclúe Transformacións, unha peza clásica composta pola propia Dorothé Schubarth, da que hai noticias de que só se chegou a interpretar unha vez.


