NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega amplía o coñecemento sobre a Galicia medieval con dúas novas publicacións

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, presenta este venres (20:00 horas) no Instituto de Estudos Miñoráns, en Gondomar, dúas novas publicacións que permiten afondar no coñecemento da lingua galega medieval. Documentos medievais de Santa María de Baiona (1274-1531) , autoría de Xulián Maure (Vigo, 1941), e Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media. Estudo histórico e colección documental, de Víctor Rodríguez Muñiz (Ramirás, 1982), son os novos títulos que se integran na colección Gallaeciae Monumenta Historica.

As novas publicacións que se incorporan á colección de Gallaeciae Monumenta Historica contribúen a facer lexible e difundir unha pequena parte do gran patrimonio documental. Documentos medievais de Santa María de Baiona (1274-1531) ,), transcrito, estudado e analizado por Xulián Maure, presenta documentos que se gardan no Arquivo Diocesano de Tui e que transmiten a historia da nosa lingua, escritos en pergamiños. A maior parte trata sobre foros, vendas e doazóns relacionados coa fundación de aniversarias, fonte de ingresos dos clérigos desta igrexa do Val Miñor. Son 55 textos galegos, a maioría escritos en pergamiños, que transmiten a historia da nosa lingua: desde o uso do ñ e do ll en 1274 ata a perda do galego notarial en 1522.

Pola súa banda, Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media. Estudo histórico e colección documental,, da autoría de Víctor Rodríguez Muñiz, é unha publicación que axuda a entender a historia entre ambos os mosteiros e destes coa súa contorna. Estas dúas pequenas abadías foron fundadas en datas próximas, gozaron de numerosos paralelismos na súa evolución e estiveron ata o seu final baixo o mando dunha única abadesa. A publicación en papel conta cun estudo histórico e mais cos índices antroponímico e toponímico da colección diplomática medieval dos mosteiros, e vai acompañada dun CD que contén a colección documental.

O proxecto GMH
Gallaeciae Monumenta Historica (GMH) é un proxecto que nace en 2015 coa intención de preservar o patrimonio documental nun soporte actualizado. Segue unha liña de traballo iniciada nos noventa coa colección editada en papel baixo o título Fontes Documentais para a Historia de Galicia, que foi coordinada polo profesor Xosé R. Barreiro Fernández. Son textos que percorren todo o abano temático e que dan conta da vida privada, do intercambio mercantil, da sucesión patrimonial, da actuación da xustiza, do exercicio do poder..., e que tamén se caracterizan por una pluralidade lingüística.

Precisamente, dado que o corpus sobre o medievo galego está en latín, galego ou castelán, as diferentes denominacións foron unha eiva para os investigadores; por iso, o Consello da Cultura Galega creou unha comisión para a elaboración das normas de edición da documentación de Gallaeciae Monumenta Historica, coordinada por Rosario Álvarez e integrada por José Miguel Andrade Cernadas, Ana Isabel Boullón Agrelo, Paula Bouzas Rosende, Alexandra Cabana Outeiro, Xosé Henrique Monteagudo, Francisco Javier Pérez Rodríguez e María Beatriz Vaquero.

A aplicación GMH foi desenvolvida e promovida polo Consello da Cultura Galega e contou coa participación e colaboración de institucións como a Real Academia Galega, o Centro Ramón Piñeiro (Xunta de Galicia), o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC) e o Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago de Compostela).