No informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia, publicado o ano pasado como resultado do Foro Identidades e Diversidades Sexuais 2022/2023, un 62% dos colectivos e entidades LGTB+ de Galicia denunciaban que a diversidade sexual non está representada na axenda cultural galega que se substancia nas programacións culturais, un 75% consideraban que as administracións públicas non tiñan interese en promover esta diversidade sexual no ámbito cultural e que, de haber unha programación cultural vinculada a estas temáticas, un 69% consideraba que estaba concentrada no mes do Orgullo. Para reflexionar sobre estas cuestións, a xornada, celebrada en horario de mañá e tarde, combinará relatorios, presentacións de datos e conversas entre axentes.
O evento inaugurarase ás 10 horas para dar paso á conferencia Cultura e disidencia sexual, impartida por Xosé Manuel Buxán Bran e presentada por Enrique Latorre. De seguido, ás 11.15 h., Carme Adán e Daniela Fernández presentará unha Radiografía da participación cultural do colectivo LGBT+ en Galicia, a partir dos datos do informe antes mencionado.
As dúas seguintes intervencións atenderán á reflexión por parte de creadores e xestores culturais. Deste xeito, ás 12.30 h,. Daniela Fernández moderará unha mesa sobre Propostas culturais na creación, na que participarán Gena Baamonde, Meiga-i e Ignacio Vilar. Pola tarde, ás 17:00, será a quenda das Propostas culturais na programación coa moderación de Inma López Silva e a participación de Encarna Lago, Paula Cabaleiro e Vítor Nieves.
A xornada rematará coa proxección da curtametraxe Habitar de Anxos Fazáns, na que se "trata de responder ás preguntas sobre a construción das identidades a través do relato íntimo de persoas transxénero e non binarias de Galicia".


