Xosé Manuel Rodríguez Pampín naceu en Melide en 1940 e foi unha figura destacada no ámbito do activismo do galeguismo na Igrexa católica e na sociedade en xeral. Formouse como sacerdote no Seminario de Santiago de Compostela e na Universidade Pontificia de Comillas, para posteriormente impartir a materia de Relixión en diferentes institutos galegos. A súa labor cultural e activista orientouse a varios ámbitos, sempre vinculados á cultura e lingua galegas.
O seu papel dentro dos movementos de galeguización da Igrexa católica que se deron desde o final do franquismo foron moi importantes. Deste xeito, promoveu a liturxia en lingua galega e a tradución da Biblia, pero tamén doutros textos de divulgación relixiosa como A Biblia dos nenos e O evanxelio dos nenos. As súas obras de temática eclesiástica, como Nova concencia na igrexa galega ou Pro e contra da liturxia en galego: historia dunha polémica incidían nos debates relixiosos do momento, tamén plasmados nas súas colaboracións da revista Encrucillada.
Outro ámbito importante do seu traballo foi a creación literaria, tanto na narrativa, publicada na revista Grial e na que abordaba o mundo desde os ollos dos nenos ata obras dramáticas que actualizan personaxes e temas clásicos a través de protagonistas femininas como Antígora, Ifixenia e Alcestes. Precisamente a súa participación no teatro vinculouse coa Agrupación Cultural O Facho da Coruña, coa que colaborou en lecturas dramatizadas de clásicos do teatro universal.

