NOTICIA

----

Publicado o encontro entre os arqueólogos Rebeca Blanco-Rotea e André Teixeira

En maio deste ano os arqueólogos Rebeca Blanco-Rotea, investigadora auxiliar de carreira no Laboratorio de Paisaxes, Patrimonio e Territorio (Lab2PT) da Universidade de Minho (Portugal), e André Teixeira, profesor no Departamento de Historia da Faculdade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa, protagonizaron no Museo Arqueológico do Carmo (Lisboa) un encontro ao redor da investigación e as ciencias do pasado en Galicia e Portugal.

O vídeo que rexistra o diálogo xa está dispoñible no sitio oficial do ciclo. O acto contou coa presentación de José Eduardo Morais Arnaud e foi conducido por Ana Sánchez Tarrío. Pódese consultar na solapa Vídeos do encontro 'Vidas paralelas 2' do que se proporciona a ligazón no lateral desta información.

Desde o Rexurdimento e especialmente coa xeración Nós, arqueólogos galegos e portugueses desenvolveron numerosas liñas de intercambio científico e traballo conxunto. Rebeca Blanco-Rotea e André Teixeira son representantes dunha nova xeración de investigadores que traballan ao redor do patrimonio cultural fronteirizo en épocas a penas abordadas polas xeracións anteriores, como poden ser o ámbito medieval ou a Idade Moderna.