----

O CCG publica unha biografía de Benito Vicetto no Álbum de Galicia

A coincidir co segundo centenario do seu nacemento, o Consello da Cultura Galega publicou no Álbum de Galicia unha biografía do xornalista, funcionario e literato Benito Vicetto (Ferrol, 1824-1878), elaborada polo filólogo e investigador Xurxo Martínez González. Vicetto ocupou "un posto central na literatura feita en Galicia no século XIX" pero sobre todo é un dos precursores do rexionalismo e da vindicación da historia e da identidade galegas a mediados dese século.

Consulta a biografía

Benito Vicetto non tivo unha vida doada. Fillo dun corsario italiano e dunha muller ferrolá, a súa orfandade infantil e a falta de redes familiares fixo que se tivera que construír unha vida e unha carreira en diferentes oficios militares e administrativos. Pero o traballo civil non evitou que desenvolvera unha extensa carreira xornalística, literaria e ensaística, que se iniciou en Sobrado dos Monxes coa novela El caballero verde (1844). Vicetto colaborou nas primeiras iniciativas de carácter provincialista, como a revista El Recreo Compostelano (1842) de Antolín Faraldo e Neira de Mosquera, ou publicando crónicas sobre Galicia en revistas madrileñas.

Vicetto recibiu o alcume do Walter Scott galego, pola súa querencia pola novela histórica e pola reivindicación do pasado medieval de Galicia. El é un dos primeiros escritores en chamar a atención sobre o Reino suevo como parte constitutiva da historia do país. A súa controvertida Historia de Galicia, publicada en Ferrol entre 1865 e 1873 está repleta de elementos fantásticos pero exerceu unha gran influencia na Galicia do século XIX e no ambiente do Rexurdimento, feito polo cal Manuel Murguía, a quen o uniu primeiro a amizade e logo a inimizade, o incluíu dentro do seu emblemático libro Los precursores.

A biografía de Xurxo Martínez inclúe numerosa documentación sobre o autor e acceso a unha escolma das súas obras. Forma parte do Álbum de Galicia, a colección de biografías de personalidades da historia galega que nestes momentos xa reúne 736 entradas.