O documental, conducido pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro reúne en 72 minutos as testemuñas de músicos e artesán que protagonizaron de forma directa o rexurdir da zanfona nas décadas de 1970 e 1980 e deron forma a un dos capítulos da cultura musical galega xerado no contexto da Transición. Conta co testemuño de Antón Corral, Miro Casabella, Carlos Villanueva, Xosé L. Rivas Cruz "Mini" (Fuxan os ventos), Pablo Quintana, Luciano Pérez (Obradoiro da Deputación de Lugo) ou Emilio Cao. Tamén participan os membros do pioneiro grupo didáctico de Zanfonas da Escola de Gaitas de Ortigueira: María del Mar Fernández Polo, Marta Pérez Ojea e Vicente Bermúdez Garrote.
O audiovisual inclúe imaxes da época cedidas polos propios protagonistas, arquivos particulares e públicos, algunhas inéditas que verán a luz por primeira vez.
A estrea oficial terá lugar na Coruña o vindeiro 3 de outubro, data en que se poñerá na rede.



