Naceu en Ribadeo o 6 de febreiro de 1927, localidade que o homenaxeou en vida e que, trala súa morte en 2009, lle puxo o seu nome a unha rúa e a unha mostra de teatro ademais de editar varias das súas pezas dramáticas.
Na entrada do Álbum de Galicia, Ana Abad de Larriva destaca que foi fillo dun carabineiro, feito que condicionou a súa infancia polos múltiples lugares nos que viviu así como pola represión posterior que sufriu. De formación autodidacta, era un gran lector que se iniciou na escrita moi cedo. Aínda que comezou escribindo en castelán, axiña se pasou ao galego. Explica Ana Abad de Larriba que “a súa creación literaria recolleu o seu fondo interese pola historia e a identidade galega, que caracterizarían unha gran parte da súa produción, mesmo na súa alternancia coa creación literaria en castelán, xa que algunhas das súas obras foron tamén premiadas en certames estatais, nas súas versións en castelán". Irrompeu nos círculos literarios con As covas do rei Cintolo do que Ramón Piñeiro destacou no prólogo o uso dun vocabulario de voces pouco usadas. Foi moi prolífico e obtivo varios premios literarios dentro do campo do ensaio e da narrativa tanto en galego como en castelán (Premio Manuel Cao Turnes e Olimpia Corral de Cao, do Centro Galego de Bos Aires, certame Otero Pedrayo do Lar Gallego de Caracas; Premio Castelao de narrativa do Centro Galego de Bos Aires; Premio da Casa de Galicia en Nova York, entre moitos outros).
“Ao longo dos anos Daniel Cortezón deixou, pois, a súa pegada, enchoupada das súas reflexións e do seu sentir, nestas e noutras moitas obras, publicadas en diversas editoriais e contextos, algunhas xa en edicións esgotadas. Tamén deixou a súa marca en numerosas publicacións que acolleron artigos seus, tanto en textos máis ensaísticos, como en recensións, críticas, lembranzas e prólogos” apunta a autora da entrada.
A entrada inclúe tamén numerosos materiais complementarios. Entre eles, vídeos de montaxes de dúas das súas obras, así como unha entrevista telefónica feita e emitida por Radio Alcoy a Daniel Cortezón no ano 1974, tras gañar este o IV Premio de teatro Ciudad de Alcoy.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 715 entradas, das cales as máis recentes son as de Antonio Naveyra, María Cardarelly, María Xosé Rouco Lamela e Blanca Jiménez Alonso.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.


