Nesta entrega súbese un número extraordinario da cabeceira, no que abundan os artigos referidos á situación política española ("Actualidad Española, "Mirando a la España futura, "Los foros" etc.), reflexións políticas de tendencias socialistas e cooperativistas ("Los milagros de la cooperación en Dinamarca"), notas pedagóxicas ("El problema del analfabetismo en España", fragmentos de La Escuela de E. Médicis) e artigos sobre agrarismo, contando coa colaboración de Pablo Iglesias, Joaquín Costa, C. Malagarriaga, L. Araquistain etc.
El Agrario foi fundado por Antonio Fernández Lorenzo en 1917, baixo a dirección de Manuel González Iglesias e subdirección de Antonio Fernández Lorenzo. De periodicidade mensual, estaba escrito en castelán, aínda que tiña colaboracións literarias en galego. Xurdiu como resposta da sociedade de emigrantes ao peche do xornal agrarista e anticaciquil El Despertar, editado en Salceda baixo a dirección de Joaquín Fernández Sestelo. Nun primeiro momento aparece como La Voz del Centro, para adquirir posteriormente esta denominación, máis acorde coas súas finalidades. Pois, a pesar de ser o órgano de expresión da sociedade e recoller información sobre esta (actividades, noticias sociais, asembleas etc.), a maior parte da publicación reflicte a súa preocupación pola actualidade española e da comarca desde postulados agraristas.
Outra sección da publicación está destinada a reproducir as novas locais da comarca. E, por último, aparecen colaboracións literarias de temática galega con obras de Roxelio Lois, Curros Enríquez, Victoriano Taibo, A. Rodríguez Elías etc.
O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.


