----

Ábrese un ciclo para analizar o estado actual da arte en Galicia

A Sección de Creación de Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) comeza un novo ciclo de xornadas encamiñado a coñecer o estado actual da arte no noso país. Chámase Arte en tempo real e comeza este mércores 25 (17:00 horas) cunha revisión á situación dos artistas. Suso Fandiño, Tono Carbajo, Mónica Alonso e Diego Santomé participan nesta cita coordinada por Carmen Díaz Cacheda. A xornada é presencial e pode seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.

Arte en tempo real é un novo ciclo que pretende coñecer, en boca dos seus protagonistas, o estado actual da arte na nosa comunidade. Constará de cinco xornadas e realizarase desde a perspectiva de diferentes axentes que interveñen no seu contexto: artistas, galerías, comisariado, museos, coleccións e publicacións.

Os artistas
A primeira xornada estará a referida aos artistas. Comezará co relatorio «Tres estados para un acto de barbarie», na que o artista Suso Fandiño comentará o seu punto de vista sobre a arte hibridándoa coa filosofía e a historia da arte. A continuación terá lugar un coloquio onde os artistas Mónica Alonso —desde a súa visión a través da arte, a arquitectura e a psicoloxía—, Tono Carbajo —cun discurso que nos fala de territorio, movementos migratorios ou exoplanetas— e Diego Santomé —quen, saíndo das disciplinas artísticas convencionais, achega o seu traballo ao labor de proxección doutros artistas— abordarán os seus traballos e achegarán distintas olladas a temas comúns a todos eles.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.