O Día Europeo das Linguas é unha iniciativa que naceu no ano 2001 para homenaxear, difundir e concienciar da diversidade lingüística de Europa. Nesta edición, a celebración conxunta entre as catro institucións terá lugar na sede do Instituto Cervantes en Lisboa. Un acto que busca visibilizar a diversidade lingüística como unha ferramenta fundamental para conseguir unha maior comprensión intercultural e un elemento fundamental do rico patrimonio cultural do noso continente. A presidenta Rosario Álvarez asiste a un recital no que participan diferentes poetas da Península Ibérica como Golgona Anghel, María Esther Prieto, Miriam Cano, Miriam Reyes, Miren Agur e, pola banda galega, Oriana Méndez. Este acto contará coa presenza de Irene Larraza, por parte do Euslak etxepare Institutua; Martín López-Vega e Richard Bueno Hudson por parte do Instituto Cervantes. Ao remate do acto haberá un pequeno concerto do grupo Galandum Galundaina, conxunto musical de que leva un cuarto de século dedicado ao estudo, preservación e difusión da identidade cultural e musical da zona Terras de Miranda.
O propio día da celebración, a presidenta asiste ao acto conmemorativo que se celebra no Congreso dos Deputados. A presidenta da Cámara Baixa, Francina Armengol e o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, presiden unha mesa redonda na que intervirán representantes das academias das linguas oficiais e estatutarias do Estado. No acto, a cantante Rozalén interpretará catro cancións nas catro linguas oficiais do Estado: ‘Te Quiero Porque Te Quiero (Fandangos)”, “A Virxe Do Portovello”, “Amor Del Bo” e “Xabadorren Heriotzean”.
Día europeo das linguas
Europa é un continente que ten 24 linguas oficiais e onde hai arredor de 60 linguas rexionais ou minoritarias, ademais dos idiomas procedentes doutras partes do mundo. En 2001, a Comisión Europea e o Consello de Europa instauraron este día conmemorativo que busca visibilizar a diversidade lingüística como unha ferramenta fundamental para lograr unha maior comprensión intercultural e un elemento clave do rico patrimonio cultural do noso continente. Celébrase o 26 de setembro e representa a 800 millóns de cidadáns de 47 países.
Un camiño compartido
A celebración conxunta do Día Europeo das Linguas (Berlín en 2020, Nápoles en 2021, Fránkfort en 2022 e Madrid en 2023) é o resultado dun acordo de colaboración que asinaron o 26 de maio de 2020 os responsables do Consello da Cultura Galega, Instituto Cervantes, Institut Ramón Llull, Etxepare Euskal Institutua. Era o primeiro acordo conxunto para promover a lingua e a cultura galega, española, catalá e vasca. Aquel documento establecía un marco de cooperación de catro anos prorrogables para participar en accións comúns “dentro dos seus ámbitos de actuación e as súas posibilidades, as diferentes culturas e linguas propias do Estado español”. Pretendíase sistematizar a promoción conxunta da diversidade lingüística e a pluralidade cultural, ademais de darlle continuidade e unha nova orientación común a colaboracións puntuais que xa se viñan desenvolvendo entre algunhas delas. No marco dese acordo, en maio deste ano, os actuais responsables destas entidades tiveron unha xuntanza de traballo na que decidiron, entre outras accións, a realización dun Informe bianual sobre a situación das respectivas linguas e a celebración dunha mostra multidisciplinar, para visibilizar o máis actual da creación cultural galega, vasca e catalá e española.

