A xornada comezará cunha conferencia do profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, baixo o título Lugares de memoria e pasados traumáticos: unha ollada europea; a continuación explicarase o tema A xestión dos lugares da represión franquista en Navarra, impartida por José Miguel Gastón, do Instituto Navarro de la Memoria. Da Universitat de Barcelona provén a profesora Queralt Solé, que falará sobre A xestión da memoria da represión franquista en Cataluña. Todos eles tratarán a xestión e tratamento histórico da memoria neses espazos repartidos pola xeografía española.
A xestión dos espazos da memoria en Galicia
A sesión da tarde estará centrada nas experiencias dos espazos da memoria dentro do país. Comezará ás 15:00 cunha visita guiada pola illa de San Simón, despois da cal se abrirá a conferencia Lugares de memoria do pasado traumático na Galicia actual, do profesor da USC Emilio Grandío; despois, será a quenda dun coloquio baixo o título Experiencias e perspectivas de xestión dos lugares de memoria, moderado por Montse Fajardo coa participación de Manuel Pérez Lorenzo, Xosé Manuel Suárez, Cristina Fiaño e Digna Rivas. No faladoiro falarase da experiencia en lugares como o Pazo de Meirás, o Castelo de San Filipe, O Vello Cárcere (Lugo) e a propia illa de San Simón.
O CCG e a o Concello de Redondela
Este evento enmárcase dentro do ciclo Seíam'eu... en San Simón organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello de Redondela, cunha actividade anaual en relación aos temas da lírica e da historia medieval e da represión, o exilio e a memoria, áreas relacionadas coa historia da illa de San Simón. Trátase do quinto ano consecutivo no que se organiza este ciclo na illa, cunha traxectoria que abarcou o medievo con A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías, a temática de apertura no 2019, que foi continuada xa no ano 2021 con A música afonsina en Galicia, sobre a pegada do rei Afonso X O Sabio dentro deste eido. No 2022 apostouse por Ecos medievais: A voz e a arpa, testemuñas e transmisores da alma musical do pasado, sobre a relación dos instrumentos coa historia galega; e no pasado ano 2023 presentouse o concerto Catro visións contemporáneas sobre as cantigas de Martín Códax.


