No marco da celebración do primeiro Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, o Consello da Cultura Galega acaba de recompilar recursos de consulta, de entretemento e de coñecemento ao redor das iniciativas de posta en valor, documentación e evolución do patrimonio inmaterial. Entre eles está o Mapa Sonoro de Galicia, un conxunto de coleccións sonoras de carácter etnográfico e medio ambiental, definidas pola súa vinculación a un espazo xeografíco ou un territorio específico. Tamén destaca “Os instrumentos musicais na tradición galega”, un exhaustivo repaso dos instrumentos musicais empregados na música tradicional galega, coa súa descrición, usos, prácticas asociadas e a cultura vinculada a eles. Ademais, neste especial web tamén se xuntan reportaxes elaboradas desde culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural da institución, iniciativas de recuperación, posta en valor e dinamización do patrimonio inmaterial galego.
O mes do patrimonio
No marco das actividades organizadas por Ponte...nas Ondas, o CCG colabora na mostra que recolle imaxes dos 25 bens do Patrimonio Cultural Inmaterial que ten recoñecidos a Unesco dentro de España. Ademais do flamenco, o silbo gomero, as alfombras florais do Montseny, entre outros, está o modelo Ponte...nas ondas, que procuraba salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira luso-galego mediante a creación de espazos nos que este patrimonio poida ser practicado e transmitido ás xeracións máis novas. No acto participaron un grupo de exalumnos do CEIP da Ramallosa que tocaron diferentes pezas. É a primeira dunha serie de iniciativas que se desenvolven ata o 16 de novembro, Día Internacional do Patrimonio. A participación do CCG concrétase, ademais da colaboración na mostra, con dúas actividades que terán lugar na sede da institución.






