----

Unha xornada recupera o legado de Xohán Vicente Viqueira

“Xohán Vicente Viqueira (1886-1924) No centenario do seu pasamento” é o título da xornada que terá lugar o martes 22 de outubro (19:00 horas) no salón de actos da Casa Galega da Cultura, en Vigo. O evento, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), a Fundación Penzol e o Concello da cidade, afondará na produción e a vida deste intelectual galego. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez e o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, inauguran esta cita coordinada por Malós Cabrera, vicepresidenta da fundación. A asistencia será libre e gratuíta ata completar a capacidade.

No marco do programa, Silvestre Gómez Xurxo, padroeiro da Penzol, presentará o novo número da revista da fundación. Antón Costa, catedrático emérito de Historia da Educación, da Universidade de Santiago de Compostela, tratará despois o tema “Psicopedagoxía e reforma escolar en Galicia”. Xurxo Martínez, responsable técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e investigador falará sobre “A irmandade de Viqueira”. Pechará o evento Xosé Manuel Dasilva, padroeiro da Penzol, coa intervención “Xohán Vicente Viqueira e a lingua”.

Un intelectual da Galicia de comezos do XX
Nado no seo dunha familia galega de Betanzos, de tradición culta e liberal, Xohán Vicente Viqueira foi un intelectual galego nado en Madrid e formado na innovadora Institución Libre de Enseñanza, obra de Francisco Giner de los Ríos, para completar a súa etapa educativa en facultades de Francia e Alemaña “onde entrou en contacto con notables figuras das máis avanzadas correntes europeas da filosofía e da psicoloxía experimental” remarca o texto introdutorio da xoranda. Viqueira foi membro fundador das Irmandades da Fala na Coruña e, ademais de “brillante conferenciante”, o intelectual cultivou o eido literario, como foi o caso da poesía. Viqueira traballou, asemade, como un prolífico comentarista, con varios artigos escritos en cabeceiras como A Nosa Terra, o xornal das Irmandades. Como escritor tamén elaborou ensaios “que recollen as súas teorías nacionalistas, socialistas e europeístas”, incide a presentación. Viqueira tamén se significou a favor da normalización do galego en eidos como o ensino, a súa profesión.

A biografía deste intelectual forma parte do Álbum de Galicia, colección biobiliográfica que mantén o CCG. A entrada de Viqueira, asinada polo pedagogo Antón Costa Rico, contén tamén imaxes e caricaturas do autor. Así mesmo, inclúe unha bibliografía para ampliar coñecementos e unha serie de materiais sobre o intelectual e a súa descendencia.