A relación entre o turismo e a cultura será unha das accións prioritarias que o CCG desenvolverá no vindeiro ano. En cumprimento da súa función asesora, realizarase unha diagnose cualitativa e cuantitativa da situación actual desde diferentes sectores. Analizarase tamén a imaxe que se quere proxectar de Galicia, así como os límites e posibilidades dos novos modelos turísticos.
Outra das liñas de acción é a relación entre a artesanía e a industria, na que se abordará a sostibilidade da cultura tradicional, adaptada aos novos tempos, e o aproveitamento industrial dos nosos recursos.
O avance imparable da intelixencia artificial (IA) e o seu impacto sobre a creación cultural será obxecto de análise e reflexión. Continuando unha liña de traballo iniciada en xullo deste ano (cunha xornada e un documento de traballo), o CCG seguirá prestando atención a como as tecnoloxías están a influír na creación actual. Estudarase a revolución na creación, acceso e difusión, así como o impacto nos xéneros, nos mercados e na autoría.
Outro dos eixes de acción tratará sobre a situación actual da arquitectura, con actividades centradas nas construcións abandonadas (civil, industrial, etc.) e unha revisión dos criterios de conservación e rehabilitación arquitectónica.
No ámbito expositivo, en 2025 inaugurarase unha mostra centrada no papel desempeñado polas mulleres na emigración, tradicionalmente invisibilizadas. Ademais, están previstas novas itinerancias nacionais e internacionais das exposicións que o CCG mantén activas.
En 2025 conmemórase o 75 cabodano de Castelao, unha efeméride que a institución xa está a preparar en colaboración con outras entidades. Tamén se prestará atención á música de tradición oral, en consonancia co Día das Letras Galegas, dedicado en 2025 ás cantareiras e á poesía popular do canto. O patrimonio inmaterial será obxecto dun ciclo de actividades por todo o país, abordando in situ diversas manifestacións xeradas polas comunidades tradicionais.
A análise da situación da lingua galega continuará sendo unha das liñas de traballo habituais. Ademais doutras actividades, o Observatorio da Cultura Galega realizará unha análise das actitudes, medidas e propostas para a dinamización do galego. Complementarase con outro estudo que medirá as necesidades para que haxa unha maior oferta de produtos culturais en lingua galega. O Observatorio tamén realizará un estudo sobre a situación do sector musical.
A institución continuará coa liña de investigación e documentación da colectividade emigrada, ao tempo que se iniciarán actividades destinadas a coñecer e estreitar vínculos coas comunidades de orixe estranxeira presentes en Galicia.
A actividade do terceiro trimestre
De xullo a outubro, a institución desenvolveu 30 actividades, das que o 40% tiveron lugar na sede institucional. Entre elas inaugurouse un novo ciclo encamiñado a analizar a situación actual da arte contemporánea na voz dos seus protagonistas, abordouse a perspectiva migratoria e houbo un recital poético ao fío da homenaxe a Luisa Villalta, protagonista do Día das Letras Galegas desta edición.
Neste período desenvolvéronse 4 exposicións en 4 itinerancias (Burela, Ourol, Guitiriz e a cidade brasileira de Curitiba). En materia de asesoría, realizáronse 14 informes de impacto ambiental, dous informes para a tramitación de ben de interese cultural (BIC) e outros tres máis, un deles sobre o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas en Palas de Rei e outro sobre o anteproxecto da Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual. Completouse a serie documental “Memoria do teatro galego na Transición” e presentouse o documental “Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición”.



