----

Caligrafías musicais céntrase na figura de José Arriola no seu 70 cabodano

O 24 de outubro de 1954 morre José Arriola (Betanzos, 1895-Barcelona, 1954), pianista prodixio do primeiro terzo do século XX. Con motivo do seu septuaxésimo cabodano, o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede a conferencia de Luis Mera Naveiras que ofrece unha panorámica da vida musical e familiar deste intérprete e compositor. É unha nova entrega do proxecto Caligrafías musicais, co que o CCG recupera conferencias de especialistas sobre figuras musicais destacadas do noso patrimonio sonoro.

A conferencia de Luis Mera que se pon na rede foi pronunciada no Consello da Cultura Galega en 2006. Unha cita que se complementou naquel momento co concerto no que, con Julio Mourenza ao piano e Carlos García Amigo ao violonchelo, interpretáronse tres das composicións de Arriola.

Mera fai un repaso pola biografía deste autor dunha literatura musical que cualificou como “brillante” e puxo o foco na crianza e na familia do compositor. “Foi un home formado nun Ferrol ilustrado, liberal e aberto, fillo dunha familia ben establecida”, remarcou. Unha familia, tamén, con características “complexas” e implicacións políticas e sociais, como a súa relación coa masonería. Arriola, de feito, foi sobriño de Aurora Rodríguez Carballeira, que saltou á fama na España dos anos 1930 como nai, e logo asasina, de Hildegard, curmá do compositor e rapaza autora, con prematura idade, dunha serie de estudos, ensaios políticos e conferencias ao redor da emancipación social e a figura da muller da súa época.

Tamén destacou a amizade que entablou co filósofo Ortega e Gasset durante unha breve estadía en Alemaña. “O talento deste neno vai máis alá da música” dixo Gasset. Malia ser admirado pola raíña María Cristina e protagonista da prensa da súa época, Arriola, como intelectual, “non foi capaz de sobrevivir sen o poder, non fai capaz de ver iso a tempo”, declarou Mera Naveiras. Durante os anos do nazismo, o compositor foi un “sentido animador” e intérprete nas ondas de radio alemás, con interpretacións musicais diante de xerarcas nazis como o propio Hitler, Goebbles ou Goering. Quedou en Berlín até o remate da Segunda Guerra Mundial, cando a súa nai, Josefa, morreu asasinada a mans de soldados soviéticos. Orfo, Arriola sobreviviu tocando para os rusos nos días inmediatamente posteriores á súa entrada en Berlín. Naqueles bombardeos perdeuse grande parte da música escrita deste autor, xunto co seu arquivo discográfico con pezas tocadas na emisora berlinesa.


A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG traballa desde principios de século na recuperación e difusión da obra de Arriola. Nos anos 2010 e 2020 a institución fixo pública as partituras inéditas do compositor betanceiro e esta difusión conduce a que sexa recoñecido, xunto con Andrés Gaos, como o máis importante compositor galego da primeira metade do século XX.

Sobre o proxecto
Caligrafías músicais é un proxecto do CCG que nace cunha dobre intención. Por unha banda, ‘caligrafías’ significa tanto “a arte de escribir con boa letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”. Por outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar, entre outros, compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abriu con este proxecto unha nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Ten periodicidade bimestral e arrincou en febreiro de 2023 cunha conferencia de Filgueira Valverde verbo da faceta musical de Rosalía de Castro. Entre as últimas intervencións está uha conferencia de Rogelio Groba sobre o compositor, etnomusicólogo e pianista Béla Bartók (1881-1945) no centenario do seu nacemento.