“O meu lugar dos xoguetes era o obradoiro” apuntou Elena Ferro na súa conversa coa xornalista Marga Pazos. Na súa intervención lembrou o proceso de transformación do seu obradoiro e fixo un percorrido pola historia familiar. Unha circunstancia que avanzou Briggitte Vasallo no inicio da xornada. “Non poderiamos entender a Elena Ferro sen a casa na que naceu” apuntou Vasallo. Contrapuxo a figura do promotor urbano fronte a mulleres como Elena Ferro que evocan “outro xeito de estar no mundo”. Destacou que “fixo cousas que a modernidade industrial se encargou de dicirnos que non era posible, demostrou que se podía traballar dende o lugar que non é cidade e o que fai Elena non é traballo, é un labor”.
Cartografía
Máriam Mariño Costales, técnica do CCG, puxo en valor o proxecto da Cartografía, espazo web que consiste “nun percorrido visual por momentos da vida de Elena Ferro a través da súa vida, dende a nenez ata a súa idade actual”. En total 67 fotografías e 65 documentos que recollen a pegada de Elena Ferro nos medios de comunicación, vídeos e contribucións audiovisuais en que participou.
A cartografía é un especial web que o CDIF elabora sobre cada unha das mulleres homenaxeadas no ciclo “Pioneiras e andainas” nos que se insire esta actividade.
O legado
“Eu son o que son por Elena Ferro. Antes de estar en Vigo estiven na ESDEMGA. Tiña dezaoito anos e pedíronme procurar un artesán. Non tiña nin idea do que era. E atopei a Elena. Cando cheguei ao seu taller, vin a súa familia, a complicidade, o traballo.... souben que iso era o que eu quería ser” afirmou Mercedes Veites Pérez, que se define como costureira. Unha das tres artesás que participaron na xornada. Canda ela, Mónica Cao, artesá de marroquinaría, contou a súa experiencia. Pola súa parte, Julia Marín definiuse como “unha muller construtora de instrumentos musicais, iso é tamén unha escolla política”. Na súa intervención, remarcou os prexuízos que aínda sobrevoan enriba dos oficios artesanais. “Nós na restauración non facemos cousas “bonitas”, empregamos métodos científicos, o noso argot é propio dun laboratorio científico... e iso facía que non me sentira moi apelada polas ciencias, polo que decidín estudar humanidades” explicou. Puxo o foco na mecanicidade da artesanía, e criticou a visión que penaliza o feito de achacar ao intelectual un chanzo superior sobre o manual. “A autoría na artesanía dilúese o colectivo e na comunidade” explicou.
“Elena Ferro foi un referente na conservación, transmisión e actualización dun oficio artesanal tradicional como é a elaboración de zocos, un produto vinculado ao pasado e ao rural galego, que ela converteu nun produto contemporáneo e de tendencia tanto para o público infantil como adulto” apuntou Elena Fabeiro, xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia. Ela participou xunto coa terapeuta Pilar González García máis o creativo e socio de Elena Ferro na Coruña, Oriol Pujol, na mesa que pechou a sesión. Puxo o ramo á xornada Guadi Galego cunha actuación titulada “Entre matriarcas e zocos”.



