----

Constituída a comisión para a celebración do 75 cabodano de Alfonso D. Rodríguez Castelao

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá a constitución da comisión para a conmemoración do 75 aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, finado en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. “É unha ocasión propicia para celebrar a vida e a obra dunha personalidade irrepetible e de tan alta transcendencia na historia contemporánea de Galicia”, apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, no inicio deste primeiro encontro que busca unha celebración plural e diversa, aberta a toda a cidadanía. Na xuntanza participaron representantes do Parlamento de Galicia, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, das catro deputacións, das tres universidades, da Real Academia Galega, da Real Academia Galega de Belas Artes, do Museo do Pobo Galego, do Museo de Pontevedra, da Fundación Castelao e dos Concellos de Pontevedra, Rianxo e Santiago de Compostela.

Na xuntanza acordouse a constitución desta comisión, aberta á incorporación doutras entidades, que coordinará as actividades de conmemoración. O vindeiro 7 de xaneiro terá lugar unha homenaxe no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres que abrirá as celebracións que se sucederán ao longo de todo o ano.

Na xuntanza, levada a cabo hoxe, participaron Elena Candia, en representación do Parlamento de Galicia; Valentín García, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; Miguel Anxo Seixas, da Fundación Castelao; Jorge Cubela, por parte da Deputación de Pontevedra; César Manuel Fernández Gil, da Deputación de Ourense, e Aurelia Balseiro, por parte da Deputación de Lugo. A Real Academia Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes estiveron representadas por Víctor F. Freixanes e Maximino Zumalave respectivamente. Xosé Henrique Monteagudo representou a Universidade de Santiago de Compostela; Benigno Fernández Salgado, a Universidade de Vigo, e María Dolores Candedo, a Universidade da Coruña. En representación do Museo de Pontevedra estivo a súa directora, Ángeles Tilve Jar, e Concha Losada asistiu en nome do Museo do Pobo Galego. Por parte dos concellos de Rianxo, Pontevedra e Santiago de Compostela estiveron, respectivamente, os concelleiros de cultura, Julio Alcalde, Demetrio Gómez Xunqueira e Míriam Louzao.