“Estamos ante un momento único para unir forzas e traballar en conxunto polo prestixio da nosa lingua, demostrando o compromiso de todos e todas polo noso maior tesouro” destacou o conselleiro trala xuntanza, á que tamén asistiron Valentín García, secretario xeral da Lingua e Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG.
“A ninguén se lle escapa que a lingua é unha preocupación central desta institución” apuntou Rosario Álvarez, quen lembrou que como “corpo asesor e consultivo poñemos á disposición da administración os informes, documentos de traballo, ditames outros materiais que a institución ten elaborado con rigor e responsabilidade en materia de lingua”. Recordou, tal e como anunciou na súa comparecencia parlamentaria do pasado 30 de outubro, a posta en marcha dun foro participativo ao longo de 2025 en que se abordarán problemas sociais da lingua desde diferentes perspectivas. Tamén apuntou a dispoñibilidade do Observatorio da Cultura Galega para modificar a súa “programación para dar cabida ás medidas de exploración e de análise que sexan necesarias para o proceso que agora comeza”.
A presidenta lembrou que o CCG leva anos insistindo na necesidade de que as cuestións lingüísticas teñen que estar fora do debate partidario e debe ser “un proxecto de país”.
Foro participativo
Entre xaneiro e decembro de 2025 o Consello da Cultura Galega poñerá en marcha un formato participativo semellante ao que xa desenvolveu no ámbito do patrimonio (“Foro patrimonio e sociedade”, que xuntara un centenar de expertos e deu lugar a unha Guía práctica que contén as liñas estratéxicas arredor da xestión integral do patrimonio cultural na comunidade galega). O novo foro, coordinado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, artellarase en seis mesas de debate. “A partir dunha serie de liñas de información e debate, chamaremos a consulta a expertos e axentes sociais para abordar experiencias e iniciativas da sociedade civil que estean a funcionar e que permitirán chegar a un documento propositivo” apuntou a presidenta do CCG. O deporte, o ensino non obrigatorio... son algúns dos eixos de actuación deste foro.
Con todo, insistiu no feito de que serán actuacións complementarias coas que se están a desenvolver desde tanto desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que xa anunciou a posta en marcha máis de 50 medidas para impulsar o uso do galego en diverso eidos, como doutras entidades.