----

Accesible en liña o documento conclusivo dos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística

O pasado 15 de outubro de 2024 tiveron lugar os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística, que baixo o lema “Vivir e perdurar na nosa lingua” convocaron a representantes das confesións relixiosas maioritarias, a axentes que prestan servizos funerarios e a profesionais que desenvolven iniciativas de dinamización lingüística para reflexionar sobre a importancia da lingua escollida nos actos funerarios.

Como vén sendo costume, tras a sesión de exposición, intercambio e debate, a Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, coordinadora da actividade, elaborou un documento conclusivo, que a Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega tamén fixo seu, no que se ofrece unha panorámica xeral da xornada e se escolman unha serie de demandas dirixidas a potenciar o uso do galego en todas as actividades funerarias (liturxia, cerimonias civís, necrolóxicas, lápidas, bandas florais...).

O documento está xa accesible na páxina web do CCG.