A presidenta recuncou na reversibilidade da situación e na importancia dunha resposta unificada e consensuada para tomar as medidas adecuadas. Pola súa parte, o secretario xeral chamou ás “alianzas sociais” para fomentar o uso do idioma propio de Galicia, especialmente entre a xente nova.
Diagnose e primeiras medidas
O pasado 11 de outubro o IGE fixo públicos os datos da súa enquisa estrutural a fogares que sinalan que o galego deixou de ser a lingua máis falada en Galicia. Ante esta situación e no marco do cumprimento das súas función, o CCG porá en marcha un foro participativo ao longo de 2025 en que se abordarán problemas sociais da lingua desde diferentes perspectivas. Terá un formato participativo semellante ao que xa desenvolveu no ámbito do patrimonio (“Foro patrimonio e sociedade”, que xuntou un centenar de expertos e deu lugar a unha Guía práctica que contén as liñas estratéxicas arredor da xestión integral do patrimonio cultural na comunidade galega). O novo foro, coordinado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, artellarase en seis mesas de debate que contará coa participación de expertos e axentes sociais para abordar experiencias e iniciativas da sociedade civil que estean a funcionar e que permitirán chegar a un documento propositivo. O deporte, o ensino non obrigatorio... son algúns dos eixos de actuación deste foro.



