NOTICIA

----

Unha xornada aborda a relación dos museos coa comunidade

Museos en positivo. Creando comunidade é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Consello Galego de Museos reflexionan sobre o papel que os museos desenvolven co territorio e coa comunidade á que pertencen. Na xornada coñeceranse de primeira man experiencias innovadoras que se están a desenvolver na península, como o proxecto Museos Vivos que se realiza en Castela e León, a liña de acción do Institut valencià d´Art Modern (IVAM) en espazos rurais ou o caso de Gordailua, centro de Colecciones Patrimoniales de bienes muebles de Gipuzkoa. A xornada tamén servirá para ver experiencias de museos galegos que tamén exporán os problemas e retos de futuro. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e Ángeles Penas Truque, membro do Consello Galego de Museos, inauguran esta xornada presencial que se pode seguir en directo desde o web e as redes sociais da institución.

Esta xornada está concibida para reflexionar sobre o papel que deben desenvolver os museos con respecto ás comunidades na que se insiren. Logo dunha etapa na que os museos se orientaron cara ao espectáculo das grandes exposicións, ao turismo de masas, ou á presenza de grandes espazos arquitectónicos, esta cita pretende cubrir dous obxectivos. Por unha banda coñecer experiencias de éxito e prácticas innovadoras orientadas ao territorio no que se insiren por parte de museos da península. E, pola outra banda, reflexionar sobre a situación dos museos galegos no presente.

Experiencias innovadoras
A xornada comeza co relatorio de diferentes especialistas que nos permitirán achegar casos particulares. Arrinca, Luis Grau Lobo, director do Museo de León e ex-presidente do ICOM España, cun relatorio titulado “As portas do campo ou como expoñer o museo ao século XXI”. De seguido, Silvia Rodríguez Pérez, responsable de Rexistro e Documentación do Gordailua, explicará o traballo desenvolvido por este centro, referente polo seu labor na conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural guipuscoano. Este espazo, xestiona e restaura bens arqueolóxicos, artísticos e etnográficos, colaborando con museos e entidades locais e conta cun programa de divulgación.

A terceira experiencia que se coñecerá no marco da xornada é a que desenvolve o Institut Valencià de d´Art Modern (IVAM). A súa directora adxunta, Sonia Martínez, falará de L'IVAM al territori, unha liña de acción que se iniciou en 2020 co territorio rural valenciano deseñado para dialogar con Colexios Rurais Agrupados (CRA). Desenvolven un traballado baseado na oralidade como fonte de expresión e dunha experiencia de carácter performativo e reivindicativo cunha linguaxe contemporánea.

Pola tarde, Eugenio García-Rojo, explicará Museos Vivos - Living Museums, o proxecto de cooperación rural que coordina en Castela e León. Con axudas dos fondos FEADER (80%), participado pola Junta de Castilla y León máis o Ministerio de Agricultura (6%). Arrincou en 2018 e hoxe conta con 77 espazos museísticos en pequenos municipios de España (incluíndo cinco en Galicia e un na República Checa). Buscaba proporcionar ao medio rural a posibilidade de abrir o turismo, cun baixo custo, museo e centro de interpretación situados en municipios pequenos. Deseñouse un sistema intelixente de apertura que abre todos os días e facilitou o acceso ao turismo rural, atraendo máis de 41.000 visitantes en 2022, ano en que quedou finalista nos premios europeos Rural Inspiration Awards na categoría de Futuros Dixitais.

A xornada pecha cunha mesa redonda que buscará profundar na propia realidade galega, mediante a participación directa de distintos representantes de centros que nos falarán das súas actuacións, de retos, de problemáticas e de estratexias para seguir. Moderada por Xosé Carlos Sierra, coñecerase a situación do Museo Etnográfico da Capela, por parte do seu director, Secundino García Mera; da Rede Museística Provincial de Lugo, explicada pola súa xerente, Encarna Lago; do Museo do Pobo Galego, co seu director, Lois Ladra; do Museo de Belas Artes da Coruña, co responsable de difusión, Manuel Mosquera Cobián; e do Museo Catedral de Santiago, contada polo seu director Ramón Yzquierdo Peiró.