Desde a intervención de Guidoiro Areoso, ata Cova Eirós pasando por Ponte… nas Ondas! na mostra pódense ver 15 experiencias que permiten ver un cambio de mentalidade da cidadanía, que foi pouco a pouco reivindicando o seu dereito a decidir; pero tamén unha maior implicación de diferentes administracións na busca de fórmulas para acadar consensos. A mostra tamén amosa as fraxilidades do noso patrimonio cultural inmaterial e material que suscitou tamén conciencia de salvagarda na cidadanía. Son vinte paneis que condensan a situación patrimonial da última década, que foi especialmente vizosa para a revaloración e revitalización do patrimonio cultural no noso país. Ademais, tamén permite comprobar que vivimos un momento dourado no diálogo para a busca de consensos a múltiples bandas co noso patrimonio. A exposición contou cun comité asesor coordinado por Rebeca Blanco-Rotea, Olimpia López Rodríguez e Hortensio Sobrado Correa, así como un equipo no que tamén está Iago Seara, Juan Orozco e Hortensio Sobrado.
Xénese da mostra
A exposición parte de corenta e dúas xuntanzas periódicas organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais nas que se analizaron outros tantos modelos, iniciativas, proxectos e traballos. Estas citas permitiron facer un mapeado real da situación patrimonial do país e construír unha radiografía, elaborada polos propios autores e partícipes do proxecto. Eran os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC), nome das xornadas que se realizaron na sede institucional en Santiago, e os INSITU, que se desenvolvían no propio espazo analizado, polos que pasaron 183 convidados e asistiron preto de dúas mil persoas.
Estas dúas actividades dan agora nome á mostra Olladas #EMPC. Olladas #INSITU. A exposición escolma quince iniciativas organizadas arredor de cinco temas que amosan que hai innovación, transversalidade, grande orixinalidade e variedade nos enfoques e nas abordaxes con respecto aos distintos bens culturais.
Experiencias agrupadas en cinco temas
O primeiro dos bloques temáticos, “Divulgación e patrimonio”, pon en valor tres dos once exemplos de divulgación do patrimonio que se analizaron no marco dos EMPC. Un deles é Monumenta, o festival de rutas arredor do patrimonio que organizou a Xunta de Galicia e que amosou que hai outra forma de entender o patrimonio. Pero tamén a liña de investigación da arte esquemática que amosa que o noroeste peninsular é un espazo xeográfico necesario para o estudo de grandes tradicións rupestres.
O segundo bloque, titulado “Dialogar co patrimonio: vivir en espazos con historia”, afonda na dificultosa relación da habitabilidade en contornas protexidas. Na mostra abordouse a complexidade da rehabilitación urbana. Coa análise dos conxuntos históricos de Vigo, Ferrol, Ourense e Ribadavia, os diferentes expertos lembraron que as cidades históricas deben ser xestionadas desde a transdiciplinariedade e desde todas as miradas. Este debate produciuse no contexto da elaboración e aprobación da Lei 1/2019, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia. Na exposición tamén se recolle a outra face, a de habitar o medio rural desde unha dimensión máis social e máis baseada na comunidade, na contorna, na natureza e nas persoas.
No terceiro bloque temático, “Novas olladas sobre o patrimonio: técnicas e tecnoloxías”, recóllense as experiencias anovadoras empregadas na restauración. A restauración do campanario de San Martiño Pinario, a tecnoloxía do Nautilus para ver os pecios do fondo mariño ou entender a importancia dos documentos como parte do patrimonio son algúns dos exemplos que se poden ver na mostra.
As problemáticas exhíbense no cuarto bloque, “Patrimonio e conflito: na busca de consensos”, que pon exemplos como a Cova Eirós, a Panificadora de Vigo, o Parque Arqueológico Vale do Terva ou o patrimonio da Transición democrática para poñer sobre a mesa que nos últimos tempos existiron bastantes situacións de conflitos, pero tamén que os conflitos só se resolven desde o diálogo e a busca de consensos. En parte polo que se aborda no último bloque, “O valor da cidadanía: empoderamento e identidades”, que pon o foco no feito de que, nesta última década, houbo unha evolución por parte da sociedade. Cada vez existe unha cidadanía máis concienciada, comprometida e preocupada pola fraxilidade do patrimonio, que precisa de compromiso e solucións integrais para o rescate da súa memoria. Este é o caso de Guidoiro Areoso, cuxa divulgación xunto ao compromiso social levou a unha intervención de rescate por parte da Xunta de Galicia.



