A Xaquina Trillo o seu galeguismo veulle de familia. O pai, farmacéutico na vila e concelleiro entre 1924 e 1927, era un home moi coñecido en Vilagarcía. “Membro do Seminario de Estudos Galegos e activo integrante do Partido Galeguista, non agochou nunca as súas ideas” asegura Patricia Arias na entrada biográfica. Xaquina medrou nos faladoiros que se celebraban na rebotica da farmacia de seu pai á que asistían Xosé Núñez Búa, Luís Bouza Trillo (pai de Fermín Bouza-Brey), Elpidio e Luis Villaverde, e mesmo Castelao, entre outros. Coma seus irmáns, estudou no Colexio León XIII, un prestixioso centro educativo que dirixía Xosé Núñez Búa secretario do Partido Galeguista. Foi tamén membro activo da asociación xuvenil galeguista Ultreia. “O inicio da guerra, truncaría o futuro da moza que tan brillantemente finalizara os estudos de bacharelato superior” afirma a autora da entrada.
No texto descríbese a represión que sufriu Xaquina e a súa familia. Casou en plena guerra co seu mozo, Alcides Ruido Vidal, afiliado á Falanxe antes do levantamento o que permitiu suavizar o impacto da represión. Consegue ser mestra, oficio que lle permite manter ás súas fillas logo de sufrir a morte do fillo pequeno e do seu home. Con todo, a entrada destaca o carácter emprendedor de Xaquina Trillo que “animada por familiares decide opositar á Xustiza Municipal. Consegue o número 1 nas oposicións de 1955 e exerce durante anos como auxiliar en distintos xulgados”. Coa súa xubilación é cando se dedica de novo á poesía, paixón que non abandona ata a súa morte.
Poética de Xaquina Trillo
Ceibos. Versos Galegos é o seu primeiro libro, autoeditado, no que xunta un total de 42 composicións. Atrás veñen Xanela aberta (1981),Tempos idos (1983), Védelos ei van (1985), A rosa dos ventos (1989) e Compostela i as camelias (1993). “Son, en xeral, versos sinxelos, pouco pretensiosos, de ton popular, con frecuencia moi apegados á paisaxe, especialmente á paisaxe mariñeira de Vilagarcía de Arousa e das Rías Baixas” afirma Patricia Arias na entrada, onde deixa claro que a escritora pretende demostrar que “a poesía é unha canle apta para deixar constancia escrita da súa ideoloxía e do seu compromiso”. A lírica medieval, a poesía de tipo costumista, a sensibilidade para coas mulleres, o compromiso social, o paso do tempo, o amor e a familia son constantes recorrentes na súa obra. A entrada tamén destaca que Rosalía de Castro funciona como un punto “de referencia estética, ideolóxica e de autodefinición” para esta poeta serodia.
Ademais da biografía, a entrada inclúe ligazóns a varias entrevistas, a algúns dos seus poemas e a estudos nos que referencian o seu traballo.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 710 entradas, das cales as máis recentes son as de Cruz Comesaña, Pencha Santasmarinas e o Colectivo María Castaña, e a actualización da biografía de Manuela Rey González.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.


