----

Tuto Vázquez, actor pioneiro de teatro e audiovisual, entra no Álbum de Galicia

Chamábase Xosé Manuel Vázquez Martínez (Ribeira, 1947- A Coruña, 2010), pero era coñecido como Tuto Vázquez. Foi un actor pioneiro de teatro, audiovisual e dobraxe en Galicia. Participou en numerosas montaxes de compañías teatrais amadoras, profesionais e tamén do Centro Dramático Galego. Ademais, formou parte do grupo de persoas que elaboraron o proxecto fundacional da Escola Dramática Galega. A súa entrada, escrita por Ana Abad de Larriva, incorpórase hoxe ao Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

“Estudou Maxisterio e Filosofía na Coruña, onde coincidiu con outras persoas que tiñan, coma el, grandes inquedanzas culturais, entre as que se atopaban Manuel Lourenzo, Xabier P. Docampo e Santiago Fernández” explica Ana Abad de Larriva na entrada. Foi no grupo universitario O.J.E. da Delegación Provincial de Juventudes., posteriormente chamado Agrupación Teatral (ou Grupo de Teatro Experimental) onde desenvolveu a súa paixón por actuar. Nesa etapa participou na montaxe de obras de Peter Ustinov, Edward Albee, Pushkin, August Strindberg, Eugène Ionesco, Sławomir Mrożek, ou Álvaro Cunqueiro. Da man de Manuel Lourenzo actuou en distintos espectáculos primeiro con O Facho e despois no Teatro Circo, nunha etapa en que tamén formou parte do equipo organizador da I Semana de Teatro Joven (STJ) da Coruña, impulsada por Teatro Circo, en colaboración co Grupo Experimental Tespis.

Encádrase na xeración do 78, segundo a clasificación que fixo Damián Villalaín, e na entrada destácase que é “unha das figuras pioneiras do teatro independente e logo profesional galego”. Tamén formou parte do grupo de “16 persoas que confeccionaron o proxecto fundacional da Escola Dramática Galega e que asinaron a primeira acta constitutiva da entidade , en xaneiro do ano 1976, e entre as quince persoas que asinaron a acta fundacional definitiva o 4 de decembro do ano 1978” explica Ana Abad na súa entrada.

A entrada destaca que participou en numerosas montaxes, tanto de compañías privadas (Teatro do Noroeste, Teatro do Malbarate, Teatro do Atlántico) como nalgunhas do CDG (baixo a dirección de Eduardo Alonso, Manuel Lourenzo e Xosé Manuel Rabón), que logo alternaría coa dobraxe e coa interpretación no sector audiovisual, ata que no ano 2000 deixou os escenarios para dedicarse unicamente ao audiovisual.

Foi un rostro coñecido en series como Os outros feirantes, Pratos combinados, Mareas vivas, As leis de Celavella, ou Padre Casares, serie que tivo que deixar por motivos de saúde. Participou en curtametraxes como Un café de ollos verdes, dirixida por Antonio F. Simón, e longametraxes como Blanca Madison, O lapis do carpinteiro, ou Camiño de Santiago: A orixe así como en anuncios publicitarios. Tuto foi, ademais, actor e director de dobraxe. Casado coa actriz María Xosé (“Mariajo”) Mosteiro pai de dous fillos, Iván e Uxía, foi nomeado en 2008 aos Premios Mestre Mateo do Audiovisual na categoría de mellor actor secundario. Finou na Coruña en 2010, logo dunha longa enfermidade.

Ademais da biografía, a entrada inclúe ligazóns a estudos que referencian o seu traballo en prol da profesionalización do teatro galego, así como a algúns dos seus traballos audiovisuais.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 710 entradas, das cales as máis recentes son as de Cruz Comesaña, Pencha Santasmarinas e o Colectivo María Castaña, e a actualización da biografía de Manuela Rey González.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.