----

A biografía do recoñecido filólogo, Jose Luis Pensado, incorpórase ao Álbum de Galicia

Foi un destacado filólogo e un dos máximos especialistas arredor do ilustrado Padre Sarmiento. José Luis Teófilo Pensado Tomé (Negreira, 1924- Salamanca, 2000), coñecido co hipocorístico de “Chelís”, é unha figura imprescindible dentro dos estudos lingüísticos. A súa entrada, asinada por Xosé Amancio Liñares Giraut, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

A entrada destaca a importancia que tivo para José Luis Teófilo Pensado Tomé a súa Negreira natal, lugar ao regresaba con frecuencia. Medrou no ambiente da tenda-ultramarinos familiar coñecida como “Casa de Tumbacuatro” ata que comezou no instituto en Santiago para cursar o bacharelato. Foi un alumno sobresaínte e despois de cursar os estudos comúns na Universidade de Santiago, obtivo a súa licenciatura na especialidade de Filoloxía Románica na Universidade de Madrid. Na universidade madrileña logra o título de doutor, tamén con galardón extraordinario, en Filoloxía Románica, cunha tese dirixida por Dámaso Alonso, e titulada Miragres de Santiago. Edición y estudio crítico por José L. Pensado”.

Destaca Linares Giraut que “a partir da década de 1950, a traxectoria vital, investigadora e docente do profesor Pensado estará acompasada polos seus destinos profesionais universitarios, primeiro en Madrid e despois en Oviedo e Salamanca, mais acotío relacionado co ámbito universitario, institucións e entidades galega.” Con todo, a entrada tamén indica que mantivo unha continuada relación co círculo galeguista de Galaxia e unha estreita conexión co ámbito filolóxico e literario galego. Asiduo colaborador de prensa con artigos de temas lingüísticos e filolóxicos, foi un grande investigador que produciu unha inxente obra filolóxica que tamén contou cun marcado carácter divulgativo. Foi un docente notable, primeiro na facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Madrid e posteriormente na Universidade de Oviedo desde onde se traslada á Universidade de Salamanca. Profeosr visitante en diferentes centros universitarios dos Estados Unidos (Austin-texas e Madison -Wisconsin). Foi un destacado polígrafo e intelectual das Letras que tamén deixou unha fonda pegada como docente. Entre os seus alumnos galegos figuran nomes como os de Xesús Alonso Montero e de Xose Luis Axeitos.

A entrada, ademais, destaca que Pensado foi “un dos máximos especialistas nos estudos arredor do ilustrado Padre Sarmiento (1695-1772), unha das súas grandes paixóns investigadoras. Ademais, rescatou a valía dos textos do P. Sobreira (1746-1805)”. Alén da biografía, a entrada inclúe ligazóns a estudos producidos por el, así como outros que referencian o seu traballo.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 710 entradas, das cales as máis recentes son as de Cruz Comesaña, Pencha Santasmarinas e o Colectivo María Castaña, e a actualización da biografía de Manuela Rey González.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.