----

A nova entrega de Caligrafías musicais afonda na etapa mexicana de Bal y Gay

O proxecto Caligrafías musicais, iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que recupera conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego, difunde na nova entrega unha conferencia do musicólogo lucense Juan Bautista Varela de Vega (1933-2014). Nela aborda a etapa de Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - Torrelaguna, Madrid, 1993) no exilio mexicano e destaca a súa conexión con figuras internacionais como Igor Stravinski ou Aaron Copland, entre outros.

"Algunos recuerdos mejicanos de Jesús Bal y Gay" é o título da conferencia que este musicólogo lucense Juan Bautista Varela de Vega ofreceu en maio de 200 no marco do congreso que a Consellería de Cultura organizou en Lugo arredor de Jesús Bal y Gay. Nela lembra as conversas que mantivo con Bal y Gay na súa casa de Madrid ao seu regreso de México. Nela dá conta, con distintas anécdotas, das súas relacións coas grandes figuras internacionais da música que visitan México como Igor Stravinski, Aaron Copland, Carlos Chávez ou Erich Kleiber entre outros. Tamén repasa algúns momentos da súa biografía como as colaboracións con Rodolfo Halffert, exiliado tamén e fundador de Ediciones Mexicanas de Música e da revista Nuestra Música.

Sobre o proxecto
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abriu en febreiro de 2023 un proxecot que ten unha nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Comezou cunha conferencia de Filgueira Valverde arredor da faceta musical de Rosalía de Castro , á que lle seguiron media ducia de entregas entre as que se inclúe a do intelectual coruñés Ramiro Cartelle sobre o compositor, director e recompilador do folclore galego Maurico Farto Parra; ou a de Luis Mera Naveiras que ofrece unha panorámica da vida musical e familiar de José Arriola.

O título do proxecto ten unha dobre intención. Primeiro, en “caligrafías”, evócase “a arte de escribir con boa letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”. E segundo, búscase rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar, entre outros, compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un centro do Consello da Cultura Galega que ten como labor esencial a recuperación do patrimonio oral e musical galego. A recompilación de gravacións sonoras procedentes de arquivos particulares, institucións, colectivos ou compañías discográficas; a preservación do fondo sonoro en condicións óptimas; a súa catalogación e dixitalización, e a difusión a través de proxectos como Caligrafías musicais ou Voces centenarias constitúen os eixes centrais da actividade do ASG. Coordinado por Alejo Amoedo Portela, ten como membros a Julio Alonso Monteagudo, Beatriz Cancela Montes, Xaime Estévez Vila, Concha Losada, Luciano Pérez e Cristina Pujales Prats.