Unha xornada explora a relación entre Castelao e Avelino Cachafeiro, que entra no Álbum de Galicia

Foi o mellor gaiteiro de Galicia, así o acreditaba un concurso que gañou en 1924 e do que Castelao daría conta nun artigo acompañado dun debuxo. Mais Avelino Cachafeiro Bugallo (Soutelo de Montes, Pontevedra, 1899 - 1972) foi tamén un creador versátil e empresario, que chegou a ter unha sala de festas e unha funeraria. A súa biografía xa se pode consultar no Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), nunha entrada asinada por Rubén Troitiño. Este docente e musicólogo é tamén un dos participantes na xornada “Redescubrindo a figura de Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo” que se desenvolve este xoves e na que se aborda a relación da súa figura coa de Castelao.

A entrada biográfica escrita por Rubén Troitiño fai fincapé en dous aspectos de Avelino Cacahfeiro. Dunha banda, o seu carácter polifacético. Avelino explorou diferentes disciplinas como a pintura, a escultura e a poesía. Pero tamén empresario “tiña un surtidor de gasolina en Soutelo e tamén abriu unha sala de baile chamada Changüí, que funcionaba como un cine comunitario onde se proxectaban películas. Ademais, Avelino posuía unha funeraria, o que evidencia a súa capacidade para se diversificar en distintos sectores”. Da outra banda, destaca a importancia que a música tivo na súa vida. “O seu avó, Juan Cachafeiro, e o seu pai, Fermín Cachafeiro, eran gaiteiros recoñecidos na comarca. Avelino adoitaba coller a gaita de xeito clandestino e marchar ao monte para practicar. Foi nese momento que Fermín o escoitou e se deu de conta do potencial que tiña para se converter nun excelente gaiteiro. Así, decidiu regalarlle a gaita. Co apoio incondicional do seu pai e xunto aos seus irmáns Víctor Castor e Bautista, fundaron Os Gaiteiros de Soutelo, un grupo que marcou un punto de inflexión na historia da música galega” explica a entrada. Ademais de facer un percorrido pola importancia que tiveron os gaiteiros de Soutelo e o seu traballo, destaca como lle afectou a morte da súa muller, que abriu un período de silencio en Avelino.

A entrada biográfica complétase con diferentes artigos escritos por diferentes personalidades sobre o gaiteiro; vídeos de interpretacións e audios de diferentes foliadas dos gaiteros de Soutelo.

A xornada
O Consello da Cultura Galega abre a programación de actividades do primeiro trimestre cunha xornada que afonda na conexión de dúas figuras centrais na configuración da identidade cultural galega como son Avelino Cachafeiro e Castelao. Para iso, o músico e investigador Rubén Troitiño explorará a vida do recoñecido gaiteiro, dende os seus comezos na aldea de Soutelo de Montes ata a súa emerxencia como unha icona da música galega, e o periodista Siro López abordará a faceta do Castelao viñetista, con especial atención á simbólica imaxe que fixo do gaiteiro cando gañou o concurso que o nomeu como mellor gaiteiro de galicia.