----

O CCG presenta un estudo comparativo sobre a situación das linguas cooficiais en España

O Consello da Cultura Galega publica o informe Competencia e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada, un estudo que presenta os principais datos sociolingüísticos do idioma galego en clave comparativa coas outras cinco comunidades autónomas con lingua cooficial, nomeadamente, Cataluña, Comunidade Foral de Navarra, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e País Vasco.

Desde esta perspectiva, a poboación galega (analizada no seu conxunto) é a que ofrece os mellores datos de competencia e uso da súa lingua propia, pero ao contrario do que acontece no resto de territorios analizados, en Galicia obsérvase unha clara tendencia de perda interxeracional, sendo a poboación que aínda está en idade escolar a que presenta os peores datos de competencia lingüística e frecuencia de uso do galego. Esta especificidade da realidade galega parece constatar unha “aparente menor efectividade das políticas educativas en comparación con outras comunidades” e pon de relevo a complexidade da nosa realidade sociolingüística e o gran desafío que temos por diante para poder reverter estas dinámicas.

Na páxina web do Consello da Cultura Galega tes accesible de balde a publicación en formato dixital.