O Consello da Cultura Galega pon en marcha o “Foro participativo: un país coa súa lingua”
15/1/2025
Hoxe, 15 de xaneiro de 2025, tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, a presentación pública do “Foro participativo: un país coa súa lingua”, unha iniciativa de carácter propositivo na que se lle dará voz a persoas expertas no ámbito da planificación lingüística, a profesionais de diferentes ámbitos e a axentes sociais de referencia para o futuro do idioma, que reflexionarán sobre a situación sociolingüística actual e proporán as accións que se consideren prioritarias para a normalización e revitalización do galego.
O foro desenvolverase entre os meses de febreiro e xullo de 2025 e estruturarase en seis mesas temáticas: Educación e socialización; Administración, xustiza e servizos públicos; Sanidade, ciencia e servizos sociais; Comunicación, cultura e acción exterior; Economía, turismo e deporte; Sociedade, crenzas e participación comunitaria. Os resultados recolleranse nun documento que se fará público en novembro de 2025.