A protagonista da vindeira sesión de pensarmos, Margot Rot, é a autora do ensaio titulado "Infoxicación: Identidade, afectos e memoria; ou sobre a mutación tecnocultural", no que analiza como a tecnoloxía e a virtualidade inflúen na nosa percepción do tempo e do espazo, afectando directamente á nosa identidade e ás nosas emocións. A autora explora como a sobrecarga informativa pode levar ao esgotamento emocional e á apatía, cuestionando as consecuencias desta abundancia de información na sociedade contemporánea. Ademais, Rot destaca a importancia de cuestionar os nosos desexos nun mundo onde todo parece posible e onde a tecnoloxía media constantemente nas nosas interaccións. Na sesión do xoves sentarase co psicólogo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ricardo Fandiño.
o ciclo Pensarmos
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos en xaneiro de 2019 co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Por este foro pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Eva Veiga, Victoria Quintero ou Mar García Puig por citar só algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar tanto desde o sitio web institucional como dende a nosa canle de YouTube.
Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Ricardo Fandiño Pascual, Francisco Xose Fernandez Naval, Antonio Fernández Seoane, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Xoán Antonio Pérez Lema e Ana Gloria Rodríguez Alonso. Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.



