----

O Álbum de Galicia incorpora unha nova entrada de Castelao

“Xenio e figura da nación galega”. Así define Henrique Monteagudo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950) na entrada que acaba de elaborar para o Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). Nela fai un percorrido sobre a biografía do recoñecido intelectual, artista plástico, escritor e dirixente político, ao que considera “un referente indiscutido do galeguismo e do nacionalismo, un clásico das letras galegas e unha das figuras máis representativas da Galicia contemporánea”.

A entrada elaborada por Henrique Monteagudo para o Álbum de Galicia con motivo do Ano Castelao fai un percorrido pola traxectoria vital do galeguista no que distingue tres etapas claramente marcadas.

Na primeira etapa, que vai desde o seu nacemento ata 1916, define a súa vocación: estuda Medicina pero refuga exercer como doutor para se dedicar ao cultivo das artes plásticas. Explica Monteagusto que no inicio da universidade “destaca no rebuldeiro ambiente estudantil non tanto pola súa brillantez académica como polas súas caricaturas e a súa colaboración coa tuna”.

Na segunda etapa, que Monteagudo chama “O noso xenial artista” vai de 1917 ata 1930. Correspóndese co período no que Castelao está afincado en Pontevedra onde se compromete co galeguismo e co nacionalismo galego na súa condición de intelectual e artista. Integrado na vida social e cultural pontevedresa, “participou na fundación do Museo Provincial de Pontevedra (1927), co que se sentiu intimamente vencellado (ata o punto de legarlle a súa obra artística), e da Coral Polifónica (1928), coa que colaborou activamente, e da sociedade local de estudos Labor Gallega”. Xa adherido ás Irmandades da Fala, Castelao afinca o seu compromiso co nacionalismo galego, ao mesmo tempo que desenvolve a súa carreira como debuxante e escritor. Segundo Monteagudo esta etapa sérvelle para concentrarse na produción artística, “non só por vocación persoal, senón tamén pola forza das circunstancias, pois a ditadura primorriverista (1923-1930) coutou a actividade política do galeguismo”. É a etapa na que exerce como caricaturista, humorista gráfico e ilustrador de libros e revistas con incursións na escenografía e o cartelismo, sen abandonar a súa faceta como pintor. Neste período expón en varias ocasións, produce o Álbum Nós e as series de "Cousas da vida", na que se achega á súa faceta como orador e ensaísta onde sobresaen oa artigos “Arte e galeguismo (1919), Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura (1920) e «O novo espírito» (1924).

Na terceira e última etapa, que transcorre entre 1931 e 1950, Castelao sen abandonar o seu labor creativo, entrégase ao compromiso político, que o leva ás Cortes Constituíntes da II República (1931-1933); á dirección do Partido Galeguista (1932-1936); a formar parte das listaxes da Frente Popular, nas que foi novamente elixido deputado (1936); á defensa da República e do Estatuto durante a Guerra Civil, e, xa no exilio, á Presidencia do Consello de Galiza fundado por el mesmo en Bos Aires (1944) e a ocupar unha carteira ministerial no Goberno republicano en París (1946-1947).

A nova entrada compleméntase con outras biografías elaboradas por diferentes autores que formaron parte de iniciativas anteriores de proxectos do CCG que se achegaron á figura poliédrica do intelectual con outros nesgos: o Álbum Nós, o Álbum da Ciencia, Álbum da Junta de Ampliación de Estudos e o Álbum da Emigración. Ademais do texto biográfico, a entrada inclúe fotografías, ligazóns e outros materiais destacados como o único rexistro sonoro coa voz de Castelao que se conserva.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 756 entradas, das cales as máis recentes son as de Virxilio Viéitez, Tucho Lagares, Eduardo Lence-Sartar, Avelino Cachafeiro, Lola Ferreiro, Aurora Sampedro ou Jose Luis Pensado Tomé. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras. É tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros temas.