----

A educación e socialización abre Un país coa súa lingua. Foro participativo

O Consello da Cultura Galega (CCG) abre hoxe a inscrición para a mesa Educación e socialización a primeira das sesións que conforman Un país coa súa lingua. Foro participativo. A mesa está coordinada por Nel Vidal e Dolores Vilavedra e analizará o vindeiro día 27 de febreiro (a partir das 16:00 horas) o papel do ensino en lingua galega en relación con outros espazos para a socialización e como se pode favorecer a transmisión interxeracional en lingua galega. A cidadanía pode participar achegando as súas propostas en calquera momento do proceso a través dun formulario habilitado no web así como en cada unha das sesións, ben de maneira presencial, ben a través da emisión en directo da xornada en streaming. O foro, coordinado por Dolores Vilavedra, elaborará un documento propositivo con medidas concretas e prioritarias para avanzar na recuperación do vigor do galego.

O vindeiro día 27 de febreiro terá lugar a primeira mesa. Baixo o título Educación e socialización amosaranse tres experiencias educativas que abordarán o papel do ensino en lingua galega. A sesión reflexiona tamén sobre o modelo no que se adquire a competencia da lingua galega na infancia e na adolescencia e o pon en relación con outras dinámicas e espazos para a socialización. Analizaranse e debateranse estratexias e medidas necesarias na procura de reforzar desde a educación a motivación, o prestixio e a competencia lingüística, garantindo a posibilidade dun uso real da lingua nos diversos espazos e ámbitos sociais. A mesa explorará, polo tanto, solucións para favorecer a transmisión interxeracional do galego. Está coordinada por Nel Vidal e por Dolores Vilavedra, que tamén é a coordinadora de todo o proceso.

Formas de participación no foro
Coa apertura da inscrición da primeira das mesas, ponse a disposición da cidadanía as diferentes formas de participar neste foro. A primeira é a través dun cuestionario en liña aberto durante todo o proceso ao que calquera persoa (a título individual ou no nome dalgún colectivo) pode enviar as súas propostas relativas a calquera das áreas de análise. A segunda é presencial e terá lugar en cada unha das mesas. Quince días antes abrirase un formulario de inscrición para poder asistir presencialmente a cada sesión, que se desenvolverá na sede da institución e cuxas prazas son limitadas debido ao formato das mesas de traballo.

Tamén se pode participar a través da emisión en liña de cada evento. Como é habitual nas actividades do CCG, as diferentes serán emitidas en directo en streaming e logo permanecerán dispoñibles na web da institución. Deste modo, calquera persoa poderá ver as intervencións en calquera momento e remitir as súas consideracións a través do formulario. Por último, no peche do proceso, no outono, celebrarase un foro aberto á cidadanía, onde se presentarán as primeiras conclusións que se debaterán co público asistente para arrequentar o documento final de propostas.

Foro participativo
O pasado mes de xaneiro, a institución presentaba ao público o “Foro participativo: un país coa súa lingua” como unha estratexia complementaria a outras iniciativas, focalizada nos aspectos máis urxentes e cunha estrutura áxil para poder sumarse ás diferentes accións que se desenvolvan dende outras entidades. O proceso centra a súa estratexia nos ámbitos máis críticos para a lingua galega (educación e infancia e prestixio social) e as temáticas abordadas no proceso están recollidas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM). Formalmente está organizado en seis mesas temáticas que se desenvolven entre febreiro e xullo deseñadas para garantir unha análise integral e transversal de todas as facetas que se deben atender nun proceso de normalización. Ademais, no outono, celebrarase un foro aberto á cidadanía, onde se presentarán as primeiras conclusións que se debaterán co público asistente para arrequentar o documento final de propostas. Como peche redactarase un documento de propostas concretas, co obxectivo de identificar medidas prioritarias para a normalización do galego.


A segunda das mesas chámase “Administración, xustiza e servizos públicos”, está coordinada por Alba Nogueira. Desenvolverase o vindeiro 20 de marzo, abordará a linga da administración, da xustiza e da formación do persoal público. A terceira mesa, “Sanidade, ciencia e servizos sociais”, reflexionara o 23 de abril sobre a atención a colectivos vulnerables, servizos sociais, inclusión lingüística en contextos de apoio comunitario e contextos académicos e científicos. Está moderada por Iolanda Casal. Marta Veiga coordina a mesa Comunicación, cultura e acción exterior, na que se abordarán os medios de comunicación públicos e privados, a creación cultural e industrias audiovisuais e a difusión do galego en plataformas dixitais. Na quinta mesa, Economía, turismo e deporte, baixo a moderación de Jackson R. Rodriguez Soares, reflexionarase sobre o uso do galego no comercio e nas empresas, o turismo cultural, a comunicación corporativa e a vida económica e social. “Sociedade, crenzas e participación comunitaria” é o título da última mesa (8 de xullo), moderada por Rosalía Fernández Rial, na que se analizarán temas coma as asociacións e redes comunitarias, a sensibilización lingüística en colectivos sociais ou a cohesión interxeracional.