21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna
21/2/2025
Hoxe, 21 de febreiro, conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración que este ano leva por lema As linguas importan e que a UNESCO conmemora desde hai 25 anos para pór de relevo a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. Coincidindo con esta conmemoración, a UNESCO presenta a publicación As linguas importan: orientación mundial sobre a educación multilingüe, unha guía que convida aos responsables políticos a integrar a educación multilingüe nos sistemas educativos e recolle exemplos de boas prácticas neste eido en varios países.
Entre os múltiples recursos que o Consello da Cultura Galega elabora desde a perspectiva lingüística, neste 21 de febreiro desde o CDSG seleccionamos como recomendación a última publicación do Álbum de Galicia, que recolle a biografía de Adolfina e Rosa Casás Rama, dúas mulleres que cantaron e crearon sempre na súa lingua materna e, xustamente por ese valioso legado que nos deixaron, forman parte do grupo de cantareiras homenaxeadas nas Letras Galegas 2025.