----

A educación abre Un país coa súa lingua. Foro participativo

“A educación e a socialización” é o tema da mesa coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) abre este xoves (16:00 horas) o proceso Un país coa súa lingua. Foro participativo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora do foro, Dolores Vilavedra, e o coordinador desta sesión, Nel Vidal, son os encargados de inaugurar esta primeira xornada, que busca propor medidas concretas sobre o modelo educativo no que se adquire a competencia da lingua galega na infancia e na adolescencia, en relación con outras dinámicas e espazos para a socialización. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo a través do sitio web da institución e da canle de YouTube. O foro conta con diferentes formas de participación para que a cidadanía poida achegar as súas propostas en calquera momento do proceso.

A xornada comeza coa presentación de propostas a cargo de Rosa Moreiras Cuñarro, Ana Iglesias e Alberto Pombo, tres persoas que teñen ampla experiencia na análise e desenvolvemento de proxectos positivos, de éxito e inspiradores no fomento do galego relacionados coa infancia, a adolescencia e a educación. Rosa Moreiras, implicada no deseño, impulso e xestión dalgúns dos proxectos máis positivos para a lingua que se puxeron en marcha nos últimos anos, como o proxecto Apego, de socialización en galego desde a primeira infancia, desenvolvido por un conxunto de concellos desde hai varios anos (www.apego.gal), ou Modo Galego, Actívao! (www.modogalegoames.gal). Ana Iglesias é experta e docente en conciencia lingüística e didáctica da lingua, autora do libro Falar galego “no veo por que”, no que plasmou a investigación cualitativa da visión da lingua por parte da mocidade en Galicia, e colaboradora na posta en marcha do “Plan de galeguización dos Graos de Educación Infantil e Primaria”. Pecha as intervencións iniciais Alberto Pombo, impulsor de campañas de fomento da lingua entre a mocidade, como Aquí tamén se fala (www.aquitamensefala.com).

Tras esta primeira quenda de intervencións iniciarase un diálogo aberto que estará estruturado pola empresa Rexenerando, especialista en facilitación e procesos participativos. A finalidade tanto desta mesa como de todo o proceso do foro é establecer propostas concretas e de aplicación a curto e medio prazo para o fomento do uso e do prestixio da lingua galega nos diferentes ámbitos.

Formas de participación no foro
A cidadanía pode participar nesta mesa e nas outras do foro de diferentes maneiras. A primeira é mediante un cuestionario en liña aberto durante todo o proceso ao que calquera persoa (a título individual ou no nome dalgún colectivo) pode enviar as súas propostas relativas ás diferentes áreas de análise. A segunda é presencial e terá lugar en cada unha das mesas. Quince días antes abrirase un formulario de inscrición para poder asistir presencialmente a cada sesión, que se desenvolverá na sede da institución e cuxas prazas son limitadas debido ao formato das mesas de traballo.

Tamén se pode participar a través da emisión en liña de cada evento. Como é habitual nas actividades do CCG, as diferentes mesas serán emitidas en directo en streaming e logo permanecerán dispoñibles no web da institución. Deste modo, poderanse ver intervencións en calquera momento e remitir as súas consideracións a través do formulario. Por último, no peche do proceso, no outono, terá lugar un foro aberto á cidadanía, no que se presentarán as primeiras conclusións que se debaterán co público asistente para arrequentar o documento final de propostas.

Foro participativo
O pasado mes de xaneiro, a institución presentaba ao público “Un país coa súa lingua. Foro participativo” como unha estratexia complementaria a outras iniciativas, focalizada nos aspectos máis urxentes e cunha estrutura áxil para poder sumarse ás diferentes accións que se desenvolvan dende outras entidades. O proceso centra a súa estratexia nos ámbitos máis críticos para a lingua galega (educación e infancia e prestixio social) e as temáticas abordadas no proceso están recollidas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM). Formalmente está organizado en seis mesas temáticas, que se desenvolverán entre febreiro e xullo, deseñadas para garantir unha análise integral e transversal de todas as facetas que se deben atender nun proceso de normalización. Como peche redactarase un documento de propostas concretas, co obxectivo de identificar medidas prioritarias para a normalización do galego.

A segunda das mesas chámase “Administración, xustiza e servizos públicos” e está coordinada por Alba Nogueira. Desenvolverase o vindeiro 20 de marzo e abordará a linga da Administración, da xustiza e da formación do persoal público. A terceira mesa, “Sanidade, ciencia e servizos sociais”, está moderada por Iolanda Casal e desenvolverase o 23 de abril,. Nela reflexionarase sobre a atención a colectivos vulnerables, os servizos sociais, así como a inclusión lingüística en contextos de apoio comunitario e contextos académicos e científicos. Marta Veiga coordina a mesa “Comunicación, cultura e acción exterior”, na que se abordarán os medios de comunicación públicos e privados, a creación cultural e industrias audiovisuais e a difusión do galego en plataformas dixitais. Na quinta mesa, “Economía, turismo e deporte”, baixo a moderación de Jackson R. Rodriguez Soares, reflexionarase sobre o uso do galego no comercio e nas empresas, o turismo cultural, a comunicación corporativa e a vida económica e social. “Sociedade, crenzas e participación comunitaria” é o título da última mesa (8 de xullo), moderada por Rosalía Fernández Rial, na que se analizarán temas como as asociacións e redes comunitarias, a sensibilización lingüística en colectivos sociais ou a cohesión interxeracional.