----

Un país coa súa lingua: inscrición na mesa “Administración, xustiza e servizos públicos”

Xa está accesible en liña o formulario de inscrición para asistir presencialmente ao segundo debate do foro Un país coa súa lingua, que nesta ocasión se centrará na formulación de propostas para mellorar o uso efectivo da lingua galega en ámbitos como a xustiza, a atención administrativa e os servizos básicos de carácter público. O debate, coordinado por Alba Nogueira e Dolores Vilavedra, terá lugar o vindeiro 20 de marzo, a partir das 16:00 h, na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela).

A maiores da participación presencial, o CCG habilitou un formulario en liña que estará aberto durante todo o proceso para a recepción de propostas relacionadas con calquera das áreas de análise.

O foro Un país coa súa lingua é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estrutúrase arredor de sete mesas de traballo nas que se debaterá sobre o futuro da lingua e se proporán accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.

Na páxina web do CCG podes ampliar información e acceder ao formulario de inscrición.